Páginas

30.3.11

O MÁXICO MUNDO DE ÁLVARO CUNQUEIRO

Situada nun fondo val, non lonxe das chairas luguesas nin tampouco da mariña, encerrada polos montes de Corda e a Serra de Meira, Mondoñedo é unha das vilas máis relacionadas coas letras da nosa xeografía. Alí naceron, ademais de Álvaro Cunqueiro, os escritores Noriega Varela e Leiras Pulpeiro. Mondoñedo é o berce, ademais, de Pascual Veiga, o insigne compositor do Himno galego e da Alborada galega. A súa relación coa cultura venlle a Mondoñedo de tempos remotos, xa que na vila funcionou, no século XVI, unha das primeiras imprentas do reino. O amigo desde a infancia e biógrafo de Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego, natural da veciña Lourenzá, destaca daquel Mondoñedo de principios de século o silencio que se respiraba na vila, aquel ambiente silandeiro que sempre callou na alma de Cunqueiro.

“Dunha maneira ou doutra, nos meus libros está un pouco Mondoñedo”.

A historia de Mondoñedo remóntase moitos séculos no tempo. Como cidade bispal, foi unha das vilas máis importantes  do reino desde o medievo, capital dunha das antigas sete provincias. Tamén foi escenario de episodios lendarios, como a decapitación do Mariscal Pardo de Cela mentres a súa filla era entretida na Ponte do Pasatempo -velaquí a orixe do seu nome-. Entre o patrimonio histórico da vila sobrancea a fermosa catedral románica, enfronte da cal gostaba de se sentar decote Cunqueiro cando estaba na vila. Outros predios de interese son o Pazo Bispal, en cuxos baixos, por certo, estaba a botica do pai de Cunqueiro, e lugar que o propio escritor frecuentaba de cativo, naquelas míticas merendas co bispo. A Fonte vella, ou Fonte de Álvaro Cunqueiro, xusto enfronte do pazo, e outro dos espazos indispensables desta ruta conqueiriana pola comarca. Tamén o seminario, un dos máis vellos do estado, que data do século XVI,e onde o aprendeu Cunqueiro as primeiras letras en latín. A capela de San Roque, a Ponte do pasatempo , o Mosteiro da Concepción, o Mosteiro dos Picos... son outros exemplos do rico patrimonio da bisbarra.

“Todas as cidades pequenas das que falo son un pouco a miña cidade por moi diferentes que sexan. Tanto me dá que sexa unha cidade grega a onde chega Ulises ou unha cidade da Bretaña, onde chega o sochantre coas ánimas; todas as cidades son un pouco a miña cidade”.  

Naquel vello Mondoñedo naceu Álvaro Cunqueiro, o 22 de decembro do ano 1911, nunha familia formada por don Xoaquín Cunqueiro, farmacéutico nacido en Cambados e dona Pepita Mora, descendente dunha importante familia da bisbarra, coñecidos como os Moirós de Cachán -Terra de Miranda no universo cuqueiriano-. Dos cinco fillos que tivo o matrimonio, só tres chegarían a dade adulta. O propio Álvaro ilustrounos, a través dun bo feixe de anécdotas que deixou escritas, as vivencias dunha infancia feliz, no seo dunha familia de clase media acomodada.

Foi unha nenez e unha xuventude chea de libros, e tamén chea de historias orais contadas na botica do pai, que moitas veces usará e transformará ao seu gusto neses fermosos libros de relatos como Escola de menciñeiros. Outra das fontes das que bebeu aquel novo Álvaro Cunquiero foi das historias do seu querido tío Serxio, que tiña sona de gran contador; e tamén dun amigo seu chamado o “pallarego”, que era barbeiro e violinista. Na barbería deste , Cunqueiro líalle o xornal aos clientes, mais xa daquela dáballe a volta ás novas, engadíndolles cousas da súa propia invención.

“Foi o meu gran mestre. Con el aprendín filosofía, música, literatura, xeografía. Aquí viña eu todos os días lerlles o periódico a todos os que estaban, inventando a metade das noticias mentres o Pallarego as glosaba. Aquí escribín as miñas obras de teatro, que versaban sobre os acontecementos do día anterior na perruquería do Pallarego e aquí as representabamos" [Sobre o seu amigo Pallarego]

Como comentabamos antes, o amor pola lectura e a literatura chegoulle a Cunqueiro de rapaz; el contaba que a primeira novela escribiuna aos dez anos, unha de vaqueiros na que estes falaban en castelán, e os indios en galego. Outra das cousas que adoraba era aquilo das grandes camiñatas pola vila e os seus arredores. Nesta altura era xa un grande observador da natureza, da historia de séculos que hai detras das pedras das nosas vilas, e da fonda cultura popular que se transmitiu de xeito oral xeración tras xeración.

Cunqueiro estudou o bacharelato no colexio dos Maristas de Lugo, onde andou un tempo interno antes de vivir nunha pensión preto da estación de ferrocarril. Unha ruptura abrupta da infancia, nuns primeiros anos que non lembrou nunca con demasiado agarimo, agás cando chegaba o sábado e regresaba ao seu benquerido Mondoñedo. Co tempo, afíxose á vida na capital da provincia, alí, ademais dos seus grandes paseos, eran moi frecuentes as súas estancias na Biblioteca Provincial, onde pasou centos de horas lendo todo tipo de libros, material que conseguía grazas á interesada amizade do bibliotecario, co que intercambiaba libros por larpeiradas que a Cunqueiro lle enviaban da súa vila. Nestes anos contactaría tamén con outros dous importantes escritores lugueses como eran Luís Pimentel e Ánxel Fole.

Da infancia e xuventude de Cunqueiro recollemos tamén un feito sen o cal non se entendería boa parte da súa obra. O seu amor pola paisaxe galega, a súa afección por pasear, por coñecer o campo, as árbores, plantas e herbas, a fauna, a estrelas, a natureza en xeral e a historia e lendas dos lugares é un feito que queda reflectido na súa obra desde os primeiros poemas. Queixouse moitas veces de que a vida na cidade roubáballe aos máis novos estes coñecementos e este convivío coa natureza, que el consideraba fundamentais na formación do ser humano.

En Compostela con Del riego e Carvalho Calero
No ano 1927 matricúlase na facultade de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Os primeiros anos pasará longas tempadas en Mondoñedo, vivindo a cabalo entre as duas vilas. A vida en Santiago de Compostela fascinoulle a aquel Álvaro Cunqueiro, que sendo ben novo aínda puido participar na vida intelectual que agromaba na cidade compostelá: frecuentou aos faladoiros do Café Español e do Derby, fixo grandes amizades neste tempo, coñeceu a xente coas mesmas inquietudes que el tiña... Adoraba pasear polas rúas compostelás, partillar experiencias con outra xente nova, intercambiar libros, visitar os pisos dos compañeiros e as tascas do casco vello. Naquela Compostela estaban Maside, Seoane, Arturo Cuadrado, Ánxel Fole, Del Riego, Carvalho Calero, etc. Alí publicaban Resol, Nós, Yunque... Con poucos medios e grande vontade estaban a modernizar a vida cultural de Galicia. Moitos deles participaban nestas iniciativas artísticas e literarias, o mesmo que facía o propio Cunqueiro, quen, por certo, nunca foi un estudante moi aplicado, máis interesado na lectura de centos de libros, na creación literaria e xornalística, e na vida da rúa que no propio estudo. Para el, "a universidade non era nada. O mellor da universidade eran as pedras". O propio Cunqueiro recoñeceu que  foi "un mal estudiante porque andaba cos petos cheos de versos”.

Cunqueiro comezou a compoñer as súas primeiras obras literarias, nesta altura traballando a poesía. Mar ao norde (1932) e Poemas do si e do non  (1933) son dúas obras nas que está moi presente a influencia da literatura de vangarda, nun xénero que na poesía iniciara Manuel Antonio con o seu libro de poemas De catro a catro. Cunqueiro recoñece a influencia do surrealismo e de Apollinaire (ao que chegaría a traducir ao galego) nestas primeiras obras en verso. Nesta etapa da súa carreira literaria vai publicar tamén Cantiga nova que se chama riveira (1933), obra inspirada nosas cantigas medievais, propia dun xénero da nosa lírica coñecido como neotrobadorismo. Cunqueiro utiliza a métrica das cantigas da lírica galega medieval, actualizando o xénero, modernizándoo sen caer na imitación. Poesía moderna inspirada na historia e na tradición. Noutras etapas da súa vida Cunqueiro volvería á poesía. Dona do corpo delgado (1950) e Herba aquí ou acolá (1980), son dúas obras moi importantes dentro do xénero, e supoñen unha escolma da hobra dun escritor que nunca deixou de ser poeta.


No niño novo do vento  
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo! Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quén piodera namorala, meu amigo!

CANTIGA NOVA QUE SE CHAMA RIVEIRA

Nesta etapa en Compostela, Cunqueiro achégase ao galeguismo, amosando un gran amor pola xeografía, a lingua e a cultura de Galicia. O mapa no que o histórico xeógrafo  galego don Domingo Fontán reflectira a faciana do país, será, como contou el mesmo moitas veces, e como lle aconteceu ao Adrián Solovio da obra Arredor de si de Pedrayo, unha gran descuberta e unha fonte de inspiración. Co dedo percorreu centos de veces, no mapa, aqueles mismos vieiros que transitara tantas veces polas comarcas luguesas.

«Foron tempos de grandes descobrimentos: Rosalía, Pondal, o meu paisano Noriega Varela, e logo un día, Manuel Antonio, que foi como ter unha fiestra nova para contemplar o mundo, e despois os Cancioneiros medievais, que foi como si me probasen que un home podía cantar de amor e de amigo como un paxaro»

En 1936 a súa vida dá un xiro. Ata este ano temos algúns documentos que nos falan dun Cunqueiro comprometido coa cultura e a lingua galega, e tamén coa liberdade do ser humano. No ano da guerra comeza exercer como xornalista e deixa toda aquela vida intelectual entre Compostela e Mondoñedo, abandona aquel mundo que, como sabemos, racha violentamente en xullo do 36. A partir deste ano entramos nunha etapa obscura no seu currículo por mor do seu vencello co réxime franquista e coa Falanxe, partido que abandonaría en 1943. Estes vieiros levarano, tras unha pequena estancia en Ortigueira e Donostia, á Madrid, onde exercería en diversas cabeceiras, todas afíns ao réxime fascista. En 1940 casa con Elvira González Seco, coa tería dous fillos, Álvaro e César, un sería notario e escritor en Vigo, e o outro profesor de física en New York. Cara a metade da década, distánciase do franquismo, abandona a súa militancia, e elle retirado o carné de xornalista, feito que lle vai dificultar o exercicio do oficio.

Na década dos corenta vai traballar o xénero narrativo. Nos primeiros anos escribe en castelán varias obras entre as que destacan El caballero, la muerte y el diablo (1956), e Balada de las damas del tiempo pasado. Nestas obras albiscamos certas características do que sería o Cunqueiro narrador en galego, esa querenza pola interpretación do pasado, pola paisaxe galega como protagonista e polos personaxes históricos mitificados.

En 1947 regresa a Mondoñedo. Alí vai permanecer durante dez anos afastado da vida pública, lendo e escribindo cousas coas que non ficaba contento, apenas publicando algúns artigos en prensa. El mesmo recoñece que chega a Mondoñedo afundido moralmente e perdido como escritor, e que precisaba dun amplo periodo de reflexión para retomar a súa carreira. Francisco del Riego explica como o animou a escribir narrativa en galego, e como a Editorial Galaxia desde Vigo o apoiou cando estaba a crear o seu Merlín e Familia (1995). O libro, que resultou un éxito, animou ao autor, devolveulle a alegría perdida. Ese Merlín interpretado por Cunqueiro vive en Galicia, no pazo de Miranda, onde grazas aos seu poderes taumatúrxicos arranxa os problemas da xente. A obra supón unha renovación da narrativa galega e a incursión do autor no xénero do realismo máxico co que tanto éxitos acadaría, un libro no que o fino humor do escritor mindoniense engaiola ao lector desde a primeira liña. O seu seguinte libro, As crónicas do Sochantre (1956), seguiría o camiño aberto co Merlín, a través dunha historia ambientada na Bretaña francesa con moitos paralelismos coa Galicia natal do autor.

“Cando de obra de nove anos cumplidos por Pascoa, coa pucha na man, achegueime á porta de mi amo Merlín, ¿quen diría que ma iban encher, a pucha nova, das máis misteriosas maxias, engados, trasegos, inventos, tendollos e feitizos? Nunca galano coma iste, digo eu, lle foi feito a un rapaz, e coma dun corno marabilloso, eu tiro fita tras fita, conto tras conto, e cos meus propios ollos miro pasar toda aquela troupada profana que a Merlín acudía i aos seus sete saberes: en Merlín amecíanse, tal as liñas dun xastre invisibre, tódolos camiños do trasmundo. Il, o mestre, facía o nó que lle pedían, xa veredes”
MERLÍN E FAMILIA



A imaxe derradeira que de Bretaña se apousa nun, é a dunha vella alcendendo os candís de ferro dun Calvario de pedra, nas aforas dunha murada vila, á hora entre lusco e fusco (…)”
AS CRÓNICAS DO SOCHANTRE 

Esta influencia da fantasía, do irreal, do mítico, provocou que en tempos nos que a moda literaria privilexiaba a novela realista ao estilo de La colmena de Cela, a literatura de Cunqueiro fose moitas veces menosprezada pola crítica, feito que co tempo mudaría ata o recoñecemento case unánime da obra cunqueiriana. En todo caso, Cunqueiro mantivo unha traxectoria coherente no tocante ao estilo, as veces popular, as veces un tanto barroco. Igual sucede na temática, no que abondan os personaxes míticos e algúns dos grandes protagonistas da historia da literatura, xunto cos tipos populares das comarcas da súa Galicia natal. A grandeza do Cunqueiro escritor foi esa capacidade para contar, esa facilidade para narrar historias e para inventar. Aínda así, a súa obra ten un aquel de literatura culta, a través dos seus libros transmite unha fonda preparación intelectual.

«Eu necesito unha dose superior de irrealidade e de imaxinación. Teño necesidade de fabular. Os soños son unha parte esencial da existencia dun home. Un dos grandes fallos diso que chaman literatura realista, é fuxir da vida cotiá»

Nesta renovada actividade literaria, Cunqueiro crea unha peza de teatro, a reinterpretación do clásico Hamlet de Shakespeare (O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, 1958), obra que será estreada ao ano seguinte. No xénero dramático compuxo tamén A noite vai como un río (1960). Nestes anos Cunqueiro amosa unha grande fertilidade creadora, e unha inmensa capacidade para fabular, deixándonos libros inesquecibles que forman parte do mellor da literatura galega do XX. En 1961 publica Si o vello Simbad volvese ás illas, obra que narra como o vello mariño partilla experiencias con outros viaxeiros mentres soña con volver a súa amada terra.

“O mar é tranquío a cotío no Golfo,e na noite calada non se escoita o seu ir e vir, senón o rebrincar do Iadid no tormeira, denantes de botarse á nugalla no esteiro. Si eu, Al-Faris ibn Iaqim al-Galizí, que pon en latino galego istas memorias, viaxes e descansos de Sinbad mariñeiro, fose vilego do Iadid, i estaríame hastra que caíse o pano da noite sobor da terra, vendo correr a escuma na frecura, os pes da corrente, e botando á auga que alí tan cantadora pasa, unha herbiña, unha frol, ou unha nao de papel de Alexandría, i o mirar folgado dos ollos meus tamén (…)
SI O VELLO SINBAD VOLVESE ÁS ILLAS

Nesta etapa comeza tamén a publicar os seus marabillosos libros de relatos,  cunha mestura do popular, do máxico, e de todas aquelas historias que desde neno fora gardando na súa memoria. A lingua galega que manexa o narrador e o galego popular, o que manexaban aqueles narradores que el sempre gardou na súa memoria. Eses pequenos relatos son facisnantes historias cheas de humor e maxia, que nos presentan a uns personaxes do máis curioso.  Escola de Menciñeiros (1969), Xente de Aquí e de acolá (1971), Os outros feirantes (1979)... Nestes pequenos contos reflicte todo o seu amor por Galicia, ás xentes, ás tradicións, á lingua popular,e outra vez esa extraordinaria capacidade de fabulación:

"Hermelina da Ponte - O seu pai foraun menciñeiro moi famoso, que tiña clientela dende Allariz deica Verín, e aínda recibía doentes de Ourense. Quitaba as verrugas coas sete palabras, limpaba os ollos de tirizós, e falaba cos fígados enfermos. Non é que falase co doente do fígado, senón co fígado propiamente, preguntándolle cun repenique de dedos como andaba de calor. Pegaba a orella alí ond epensaba que caía o fígado,e  escoitaba a resposta.
- O eco, precisaba. (...)"
OS OUTROS FEIRANTES (1979)

Don Álvaro, na década dos 60, comeza  de novo a colaborar cos diarios galegos, converténdose nunha figura imprescindible do xornalismo en Galicia a través dos seus artigos. Na década dos sesenta estivo moi vencellado ao Faro de Vigo, xornal que chegou a dirixir a partir de 1964. Cunqueiro mudouse á cidade atlántica, onde continuou coa súa andaina xornalística e literaria nunha cidade que na segunda metade do século XX se convertera na capital da cultura galega do interior. Nas páxinas do Faro escribiría a diario unha columna chamada “El envés”, que reflectía precisamente esa outra cara da realidade desde a óptica cunqueiriana. En Vigo converteuse nun personaxe inesquencible e fundamental da vida cultural da cidade.

O recoñecemento da cultura galega a partir da década dos sesenta foi practicamente unánime. En 1961 foi elixido académico pola Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso, titulado Tesouros novos e vellos, é un dos máis brillantes pronunciados de sempre na sé da Rúa Tabernas.

 Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder a merindade dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nagunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos.
"De tesouros novos e vellos. Algunhas imaxinacións sobre tesouros", Discurso de ingreso na Real Academia Galega (1961)

Fóra de Galicia tamén foi considerado como un escritor de prestixio, sobre todo en Barcelona, onde botou moitas amizades dentro do ámbito xornalístico e literario. Nesta década dos sesenta volve a escribir en castelán sen abandonar o galego. El recoñeceu que tiña máis facilidade para escribir en galego, nunha época na que a nosa lingua lle ofrecía máis posibilidades creativas ao ter menos codificación en normativa no tocante ao léxico e á sintaxe que o castelán, lingua que segundo el, restrinxíalle máis a súa creatividade. Desta altura, e en castelán, escribiu interesantes obras como Las mocedades de Ulises, na que narra a xuventude do personaxe da Odisea e Un hombre que se parecía a Orestes, premio Nadal no ano 1968, tratando desta volta a mitoloxía grega, un dos seus temas favoritos:

«Fun sempre un gran afeizoado á mitoloxía. Poderiamos dicir que de oficio son mitógrafo. Os mitos están aí: quixen partir deles, inda que as veces para os desmitificar ou cambiarlles os papeis aos heroes (...) Poderíaseme acusar de que  minto e non sería verdade. Reconstrúo na lembranza en forma de estreas teatrais, todo o compoño para que a escena saia redonda. E ás veces varias escenas sobre o mesmo. É tan diversa a realidade!»

Aínda nos queda por falar doutras facianas do Cunqueiro: a de conferenciante e a de gran afeccionado ás viaxes e á gastronomía. Ao longo da súa vida, e xa desde a súa xuventude, amosou, ao mesmo xeito que Pedrayo, ser un grande orador capaz de atraer e seducir coa súa palabra aos ouvintes. Nas súas conferencias e entrevistas albiscamos a grande erudición da que facía gala, ao mesmo tempo que o amor pola paisaxe, a historia e as xentes de Galicia. Ademais, Cunqueiro foi un home que gozou da boa vida, gran viaxeiro e gastrónomo, coñecido en multitude de tascas e restaurantes da nosa xeografía. As diferentes gastronomías nacionais, pero sobre todo a galega, foron unha paixón áo que lle dedicou interesantísimas e moi divertidas páxinas. Nelas recolle non so as receitas, senón multitude de anécdotas e de historias "cultas" sobre o feito de cociñar e a orixe dos produtos e ingredientes. Neste eido, ademais de numerosos artigos, temos tres libros ben interesantes para coñecer esa parte do noso patrimonio cultural que é a cociña: La cocina cristiana de occidente (1969), Teatro venatorio y coquinario gallego (1958), escrito en colaboración co seu amigo Xosé María Castroviejo, e Cociña galega.

As cousas son coma son, e ás veces, as máis pequenas grandes misterios. Estas merendando unha pimentada, e no aceite de fritir os pimentos, que xa dixen que se lles bota sal da gorda, rebañas cun anaco de pataca, e co prebe apégaselle a ésta unha area de sal, que ven á boca, e o todo aumenta de sabor, ven ao paladar algo de fondo, i esquisito, que non ousas borralo cun grolo de viño. Son ises intres «chüen» dos «gourmets» da vella China, que Ezra Pound ademira coma algo de indudabre poética calidade e camiño do éstasis.
A COCIÑA GALEGA


Nos anos setenta, xa fora da responsabilidade da dirección do Faro de Vigo, vai seguir creando novas obras literarias e tamén vai recompilar moita da produción que tiña espallada e certamente esquecida, feito que se comprende ao coñecer que Cunqueiro era un home de escritura diaria, que nunca deixou de escribir artigos e poesías, e que era tamén dos que escreben unha obra case dun tirón. Vida y fugas de fanto fantini della Gherardesca (1972) e a escolma de poemas titulada Herba aquí e acolá, son dúas das obras máis destacadas, xunto coa xa citada Os outros feirantes, desta última etapa da súa vida.

En 1980 chégalle o grande recoñecemento daquela universidade pola que pasara sen demasiado interese, cando o nomean Doctor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela. Un ano máis tarde, en 1981, falecería despois dunha longa enfermidade. Galicia perdía, así, a un dos seus máis importantes escritores, un home que amou sempre a súa terra galega, e, sobre todo, o seu Mondoñedo natal:

«Pero alá no fondo estaba sempre Mondoñedo, que era a melancolía e o silencio. En Mondoñedo escoitaba tocar as vésperas as campas da catedral, as da Concepción ou as dos Picos. Desde a fiestra da súa casa ollaba florecer os tellados da súa escura lousa. Desde ela contemplaba como se ía pondo o sol tras os montes de Estelo. Polas festas das San Lucas gorentábao ollar chegar á cidade moreas de xente dos arredores e as greas poldros bravos baixando das terras montañesas. Álvaro Cunqueiro fixo de Mondoñedo o pazo dos seus sonos.»[Francisco Fdez. Del Riego, Álvaro Cunqueiro. Escritor. Ed. Ir indo, Vigo, 2007 ]


En 1991 foille dedicado o día das letras galegas. Na súa tumba, no seu Mondoñedo natal, un fermoso epitafio, escrito por el mesmo, que reflicte á perfección a súa traxectoria vital:





23.3.11

AS MULLERES ARTISTAS EN GALICIA

SOFONISBA ANGUISSOLA,  Autorretrato (1556)
A arte é un modo de comunicación fundamental do ser humano. Calquera de nós, dun ou doutro xeito, somos quen de expresarnos artisticamente e tamén de gozar e valorar as expresións artísticas dos demais. Digamos que a arte, hoxe en día,  é unha parte esencial da alma humana, coa que se explicitan opinións e críticas, coa se reflicten realidades, arelas e tamén medos e insatisfaccións, coas que o poder se xustifica, e coa que os valores éticos, culturais e morais dominantes se poden poñer en cuestión. Por iso hoxe en día non podemos entender unha sociedade sen arte.

Ao longo da historia, a arte feita polas mulleres quedou oculta, foi condicionada na temática e no estilo,  e ficou relegada a un segundo plano. Este feito implica que historia da arte foi contada dun xeito incompleto, e esa discriminación social cara as  mulleres, que abrangue a moitos máis ámbitos das sociedades occidentais, fíxose  moi evidente no eido artístico.

O papel das mulleres como creadoras na arte é unha historia da discriminación, case da invisibilidade. Ao longo do tempo, no mundo da cultura occidental, o rol asignado á muller na arte foi, ata ben entrado o século XX, o de modelo e musa, sendo moi poucas as creadoras que conseguiron abrirse camiño nun mundo do homes do que foron por sistema afastadas.

Desde o medievo os oficios organízanse en gremios que controlan a produción, que fixan os estándares e que admiten ou denegan a pertenza ao mesmo. Os gremios son entidades masculinas nas que todas as funcións e todos os aspectos están regulados. A arte funcionou durante moitos séculos cun sistema gremial, no que se entraba no obradoiro dun artista en calidade de aprendiz, para pasar a ser oficial e, se tiña a habilidade suficiente, chegábase a mestre. Os artistas eran considerados como artesáns cualificados, malia a que sempre houbo artistas que quixeron darlle unha maior dignidade ao seu traballo.

ARTEMISIA GENTILESCHI, Judith decapitando á Holofernes (1614)
Os gremios funcionarían ata que son substituídos na formación dos artistas polas academias oficiais, como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando,  que foi a que funcionou no estado español. A academia é un centro oficial que marca a formación, o estilo, os temas que se deben tratar na arte, e que ademais se encargou de convocar os concursos aos que aspiraba todo artista, as famosas medallas da academia que tantas portas abrían no século XIX e aínda no XX aos que as gañaban. Alí formábanse todos os artistas que querían dedicarse profesionalmente ao seu oficio, complementando estes estudios coas bolsas que lles permitían viaxar a outros países para contrastar os seus coñecementos. As mulleres quedaron durante moito tempo fóra deste sistema de aprendizaxe e do sistema de premios, que eran a chave para obter encargos e poder vivir da arte.

Cando a presencia feminina deixou de ser testemuñal na Academia, esta xa perdera moito do seu prestixio, e ser un artista académico pasou a ser considerado como algo vulgar, fronte ao triunfo das vangardas e da arte moderna. Ese rexeitamento do académico, ese trunfo dos rexeitados (lembremos que unha das primeiras expresións da arte moderna foi precisamente aquel salón dos rexeitados que montaran os impresionistas en París, por non cinguirse ao canon académico) foi unha das xanelas abertas para que as mulleres fosen acadando, moi de vagar, esa condición e estatus de artistas, xa no século XX.

Esa incorporación da muller ao mundo artístico como suxeito e non simplemente como obxecto fíxose, como comentabamos, paseniño. De feito, na etapa das vangardas históricas a súa presencia como artistas é aínda moi reducida, funcionando aínda nesta altura moitos dos prexuizos cara a muller que viñan dos séculos pasados. Algunhas mulleres pasaron, iso si, de simples modelos a musas que encheron a inspiración dos artistas varóns, aínda que non se coñecen casos á inversa, non hai homes "musos" que inspiraran a arte das mulleres.

CAMILLE CLAUDEL, A idade adulta (1903)
Nas últimas décadas do XIX e primeiras do XX había algúns temas que se consideraban especialmente indicados para as mulleres, e outros que non eran recomendables. Así, as mulleres xeralmente representaban flores e amables escenas costumistas. De vagar foi considerándose normal que algunha mulleres se dedicasen á arte, sempre nun plano inferior, e moitas veces compaxinando este labor con outros, como o de mestras de pintura.

FRIDA KAHLO, As dúas fridas (1939)
Non só a maioría dos artistas eran homes, outra das dificultades que provocan esta invisibilidade da arte das mulleres foi o feito de que a historia en xeral, e a historia da arte en particular, foi escrita polos homes e desde o punto de vista masculino, polo que a visión feminina das cousas quedou sempre nun segundo plano. A formación de coleccións, tanto privadas como públicas e dos museos, case sempre se fixo tomando este punto de vista, polo que a presenza das mulleres no mercado da arte tamén se resentiu neste punto.

A partir da segunda metade do século XX as mulleres van incorporarse senón en completa igualdade, si con moitas máis garantías de seren comprendidas e de traballar profesionalmente no mundo arte. O acceso á formación, a través das diferentes escolas universitarias e non universitarias, e tamén o acceso ao mercado da arte, a través dalgunhas galerías que van cada vez máis aceptando obras feitas por mulleres, as mulleres artistas atopan novas canles para introducirse nun mundo que noutrora fora case exclusivamente un ámbito masculino. Tamén aparecen as primeiras críticas de arte (lembremos que unha das pioneiras no estado español neste eido foi a propia Emilia Pardo Bazán) e as primeiras mestras, tanto de historia da arte como das diferentes disciplinas artísticas, como acontece na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo).

LOUISE BOURGEOIS, Mama
Hoxe en día, a capacidade artística das mulleres, en igualdade coa dos homes, só pode ser posta en dubida por personaxes nos que aniñe a xenreira e os prexuizos máis fondos. Porén, hai outra cuestión que aínda non foi resolta pola crítica da arte e onde existen discrepancias: existe unha arte feminina diferenciada da masculina? Ou expresado doutra forma,  hai unha visión especial e propia das mulleres na arte? A resposta non e fácil e deu lugar a controversias, pois as opinións foron moitas veces encontradas. Desde o movemento feminista a partir dos anos 70 falouse dunha forma de entender a realidade propia das mulleres, que daría lugar a unha arte en feminino, polo menos no tocante aos temas que se afrontan desde a arte, sabendo ademais que o compoñente crítico e social é unha parte fundamental para entendermos a arte da posmodernidade. Non toda crítica da arte concorda con esta visión, e moitos entenden que nunha arte do século XXI non debe haber diferenzas entre homes e mulleres no tocante ao estilo, a temática ou á filosofía da obra. Por outra banda, existen a parte da crítica que afirma que mentres existan ámbitos de discriminación cara a muller, a arte é unha ferramenta ben útil para a loita contra o machismo e o sexismo.

Malia estas dificultades, existiron mulleres artistas, loitando contra as barreiras e os prexuízos demostraron non só que tiñan a mesma capacidade que os homes como creadoras, se non que á visión que aportaron a través da súa obra é moi necesaria para chegarmos a comprender as diferentes culturas ás que pertenceron e pertencen. Ao longo da historia houbo mulleres, incluso desde o Renacemento,  que se coaron no mundo da arte para deixarnos os seus traballos, que fican, ademais de como obras de indubidable interese artístico, como paradigma da oportunidade perdida e do talento desperdiciado, pois a maioría delas foron moi pouco valoradas ata hai poucos anos. Ao principio, as mulleres artistas traballaron de xeito amateur, moitas delas eran mulleres de clase acomodada que pintaban no seu tempo de lecer. Noutros casos, estas mulleres pertencían a familias de tradición artística, sendo así, a través dos obradoiros dos seus pais ou irmáns, como tomaron contacto co mundo da arte. A partir do século XIX, coa certa apertura que vive o mundo da arte,  unha serie de mulleres pioneiras achegáronse aos mestres de pintura, forzaron a súa entrada nas academias, introducíronse nun mercado da arte do que estaban discriminadas e co seu talento abriron portas para as xeracións seguintes.

NANCY SPERO

Podemos destacar os nomes dalgunhas destas mulleres que desde fai séculos serviron de exemplo e foron abrindo vieiros para a muller no mundo da arte. A italiana Sofonisba Anguissola, pintora do Renacemento, é un exemplo daquelas familias de clase acomodada que promoveron naquela altura que os seus fillos e fillas acadasen unha fonda cultura e se puidesen expresar de xeito artístico. Foi un caso extraordinario, xa que chegaría a ser pintora de cámara na corte española de Felipe II. Outro exemplo destas excepcións históricas en feminino é a figura de Artemisia Gentileschi. Tamén italiana, estamos ante unha das grandes creadoras do século XVII, neste caso filla de artistas; o seu violento lenzo de Judith cortando a cabeza a Holofernes, cun estilo que nos recorda á pintura de Caravaggio, contan que foi froito dunha violación sufrida pola propia pintora, que expresou así a súa xenreira por tan lamentable feito.

TRACEY EMIN, I’ve Got It All (2000)
Podemos citar algunhas das mulleres destacadas na historia da pintura, como Lavinia Fontana, Georgia O’Keefe, Camille Claudel, Tamara de Lempika, Frida Kalho, Loiuse Bourgeois, etc. Ata chegar ao panorama actual no que, se ben os homes seguen a ser maioría, temos un bo número de mulleres triunfando no mundo da arte, como Annie Leibovitz, Nancy Spero, Tracey Emin, Doris Salcedo e un longo etcétera de creadoras.

En Galicia o panorama axústase a esta tradición, coa agravante da febleza do mundo da arte nun territorio afastado dos centros de poder, das escolas e dos clientes do mundo da arte. Se foi complicado para os homes ser artistas en Galicia, foino moito máis para as mulleres. Ainda así temos un certo número de mulleres que destacaron na arte e cuxa obra é fundamental dentro do noso patrimonio artístico, formando parte das coleccións de arte máis importante do noso país, e estando representadas en moitos dos nosos museos.

Maruja Mallo
Por riba de todas as creadoras galegas destacou Maruja Mallo, artista que acadou sona internacional, ademais de ter unha vida moi vencellada á vangarda española, e de ser unha das figuras máis importantes do exilio español. Outras artistas sobranceiras dentro da nosa plástica foron Elvira Santiso, Carmen Rodríguez de Legísima, María Corredoyra, Julia Minguillón, María Antonia Dans, María Victoria de la Fuente, Mercedes Ruibal... Foron elas pioneiras na nosa arte, as primeira que puideron dedicarse con plenitude ao oficio de artista sendo nacidas na nosa terra, e algunhas delas traballando aquí. Outras destacadas na nosa plástica, aínda vivas e traballando son Elena Colmeiro, Berta Caccamo, Elena Gago, Menchu LamasPamen Pereira ou a coruñesa Ángela de la Cruz, entre moitas outras.

Merece a pena repasar as súas traxectorias, observar as súas obras, admirar o seu talento e coñecer como chegaron a ser artistas, que foi o que lle motivou, e como superaron as barreiras que a sociedade lles impuxo ao longo das súas carreiras. Para coñecelas máis polo miúdo temos varias fontes, entre a que destacamos o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega, que podemos consultar de forma moi doada a través da Web. Tamén as Web das coleccións de arte de Novacaixagalicia  teñen información personalizada sobre cada unha delas. Como fonte interesantísima salientamos tamén o catálogo da emblemática exposición celebrada en no Auditorio de Galicia de Compostela en 1995, co significativo título de A Arte inexistente. As artistas galegas do século XX.

Queremos desde aquí rendírlles homenaxe, a través desta pequena escolma de obras e de textos que reproducimos a continuación:

MARUJA MALLO, Verbena (1928)


MARUJA MALLO, Muller con cabra (1929)


MARUJA MALLO, A sorpresa do trigo (1936)


MARUJA MALLO, Arquitectura humana

MARUJA MALLO, cabeza de muller (1941)


MARUJA MALLO, Dúas máscaras


MARUJA MALLO, Acio de uvas

MARUJA MALLO: «Los artistas, en general, caminan aborregados, bostezando, refugiándose indolentes en telas anacrónicas y en escenas anecdóticas, donde se refleja la descomposición de una sociedad agonizante, en liquidación» (Revista de Cultura Moderna, México, 1936)


ELVIRA SANTISO, A vendedora de peixe


MARÍA CORREDOYRA, Soledad (1920)


MARÍA CORREDOYRA: «Todo gira alrededor de la pintura, a la que dedico gran parte del día. Tengo una cátedra de dibujo artístico en la Escuela de Artes y Oficios; tengo discípulos –sobre todo, discipulas- en mi estudio... Y estudio estas viejas escuelas coruñesas, tan evocadoras y tan gratas a mis pinceles»(Finisterre, nº 29, xuño de 1946)


JULIA MINGUILLÓN, A escola de Doloriñas (1941)

JULIA MINGUILLÓN: «A mis modelos los veo así, tal como los pinto, tal como ellos verdaderamente son; la luz, el color, la arquitectura misma de la obra me la dan hecha. Yo no hago más que verla, trasladarla al lienzo, darle forma pictórica. (...) El realismo no está supeditado a una regla fija; uno pinta según su natural manera de ver; sobre todo de sentir. Yo siento eso, esos rosas, esos verdes, esos azules; los veo llenos de juegos de luz, en mil combinaciones, convirtiendo la naturaleza en lo que ella es: una prodigiosa maravilla» (El Correo Español, 18-VIII-1946)

MARÍA ANTONIA DANS, Rapaza vestida de noiva

MARÍA VICTORIA DE LA FUENTE, Noite no taller



ELENA COLMEIRO


ELENA COLMEIRO: «La obra es importante sacarla del estudio, que vea la luz, cuando ya no te pertenece, cuando deja de ser tuya, coge su verdadera dimensión» (“También Contamos”.2001)

MERECES RUIBAL, a bebedora de absenta


ELENA GAGO

MENCHU LAMAS, Arbre de dúas cabezas

PAMEN PEREIRA, Instalación no MARCO

ÁNGELA DE LA CRUZ
ÁNGELA DE LA CRUZ: "Quería romper la grandiosidad de la pintura, hacerla más accesible; quería convertir pintura en escultura e investigar un lenguaje, que es lo que sigo haciendo" (El País, 21.01.2011).

16.3.11

OURENSE: CIDADE DE LETRAS

Ourense é a cidade literaria galega por excelencia. Desde finais do século XIX a chamada cidade das burgas aportou ás nosas letras un gran número de escritores de gran calidade. Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros, forman parte deste grande elenco de escritores que naceron ou tiveron unha grande relación coa cidade. Moitos destes intelectuais, ademais, reflectiron o ambiente das rúas da cidade, convertidas en protagonistas das súas obras, e retrataron aos diferentes grupos sociais que habitaron Ourense ao longo do tempo.

Son tantos e tan variados os intelectuais que partillaron experiencias nas rúas e nos círculos literarios de Ourense que non é posible abranguelos a todos no tempo que dura esta clase. Aínda así, trataremos de achegarnos ás figuras máis sobranceiras, comezando por un de Celanova como foi Curros Enríquez e continuando con un dos grandes animadores da prensa e da política galega, como foron Valentín Lamas Carvajal. Despois falaremos das grandes figuras da xeración Nós, con Otero, Risco e Antón Losada Diéguez á cabeza. Por último, achegarémonos as novas xeracións de escritores xurdidas na cidade, da man de Blanco Amor, Carlos Casares ou o propio Xosé Luís Méndez Ferrín. Mais, antes de comentar a figura e a obra de todos estes persoeiros, falaremos da cidade de Ourense, da súa configuración e do seu patrimonio cultural e artístico.

Ourense ten unha orixe romana, foi unha civitas romana, creada na época de Augusto, na confluencia dos ríos Miño e Barbaña, ocupando un extenso val. Desta época temos unha ponte que atravesa o río Miño, que foi reformada con posterioridade. A cidade foi chamada Auriense polos romanos, debido á grande cantidade de ouro que extraían da zona. É ben sabida a paixón dos romanos polas augas termais, por iso, nas termas de Ourense, nas burgas, das que abrolla auga a 60 graos de xeito natural, atoparon un bo lugar para o seu tempo de lecer. Despois deste período, xa no medievo, Ourense vai ser un dos centros máis destacados no vello reino dos suevos, quedando ligada á tradición de San Martiño de Tours, en cuxa honra ergueuse un templo en tempos do rei Carriarico no Século VI (precedente da catedral, na que aínda se conservan algunhas mostras daquela orixe tan afastada no tempo). A catedral de Ourense quedou como testemuña do vagar dos séculos. De orixe románica tardía, de clara influencia compostelá, nela rexístranse os diferentes estilos artísticos gótico, renacentista, barroco e neoclásico.

Nos séculos centrais da idade media, a cidade restaurase e aséntase como unha das vilas importantes do reino, quedando configurada como sé episcopal e centro dunha comarca fundamentalmente agraria. Ourense verá como transcorren os séculos demoradamente, sendo protagonista dalgúns feitos relevantes no medievo, dentro das habituais disputas entre nobreza e clero, sendo tamén escenario das guerras irmandiñas. Desta etapa contamos como testemuña coa igrexa e o claustro do Convento de San Francisco, hoxe en día en fase de recuperación.

Da idade moderna temos interesantes exemplos do barroco, como Santa Eufemia e Santa María a Nai, exemplos desa arquitectura granítica que tanto emocionaba a Otero Pedrayo. Ourense medrará grazas á súa condición de encrucillada de camiños, sendo porta de entrada e de saída de Galicia cara a meseta. Foi por isto que Ourense se configurou como unha cidade con importantes comerciantes chegados da meseta, e que foron feramente caricaturizados por Risco en O porco de pé.

A Rúa do Progreso de Ourense non pode ter un nome máis atinado, pois foi alí desde onde se vertebrou o Ourense de finais do XIX e principios do XX, a través da vía pola que chegaban á cidade todas as novidades. Desde a segunda metade do século XIX a cidade medrará debido a que o seu carácter de encrucillada acentúase, sobre todo, cando chega o camiño de ferro procedente de Madrid e con destino a Compostela e ao mar. O propio Manuel Curros Enríquez, natural de Celanova, viviu naquela Ourense dinámica e vizosa de finais do XIX, e lle dedicou uns versos á chegada do tren á cidade. Alí traballou como funcionario de facenda e escribiu a súa obra Aires da miña terra.

 Vel-ahí ven, vel-ahí ven avantande
Comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vel-a, mociños e mozas!
¡Saludáina, rapaces e vellos!
   Por onde ela pasa
Fecunda os terreos,
Espértans' os homes,
Frolecen os eidos.
   Vel-ahí ven, vel-ahí ven, tan houpada,
Tan milagrosiña, con paso tan meigo,
Que parece unha Nosa-Señora,
Unha Nosa-Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos 
MANUEL CURROS ENRIQUEZ, Na chegada a Ourense da primeira locomotora (Aires da Miña terra)

Se cadra, naquela altura a cidade non estaba preparada para as ideas dun liberal, rexionalista e progresista como Curros, que aínda por riba foi denunciado polo mesmo bispo de Ourense debido ao contido anticlerical da súa obra, o que resultou ser unha das causas da súa marcha a Madrid.

Na época dourada deste Ourense das letras, a cidade medra de xeito ordenado, paseniño, de modo que non se chegou a desbordar nin deu cabida a unha grande masa de xente vida de fóra. Alí acode xente do campo, do comercio, e tamén aqueles fidalgos desleigados, froito da descomposición do antigo réxime, que tanta saudade lle provocaran a Otero Pedrayo. As rúas do Progreso e do Paseo, e a Alameda serán o centro da vida social da cidade nesta altura, cando se vai forxar unha forte conciencia urbana na que ferven as ideas de signo diverso, e nas que se multiplican os faladoiros e os encontros culturais.

A prensa vai xogar un papel moi importante na entrada das novas ideas, nomeadamente do rexionalismo e do agrarismo, e tamén na promoción da lingua. Neste campo, a figura máis destacada vai ser Valentín Lamas Carvajal. Nacido en 1849 na propia cidade de Ourense, estudou en Compostela para médico, pero os seus problemas de visión impedíronlle dedicarse a esta profesión. Así, Galicia perdeu un médico, pero gañou a un dos seus mellores xornalistas. Lamas Carvajal regresa a Ourense e desde alí  promove unha morea de iniciativas no eido do xornalismo. O seu labor máis destacado en prensa foi O tío Marcos da Portela, primeira publicación dirixida desde Galicia e escrita en galego. Trátase dun periódico de raigame galega, cunha fonda importancia do tema rural, e que adoptou sempre unha postura anticaciquil e de defensa dos intereses labregos. Que fora precisamente Ourense a cidade onde saíse do prelo (primeiro cada quince días, e despois semanalmente) O Tío Marcos da Portela explícase tamén en parte por esa conexión do rural e do urbano que sempre se produciu na cidade. Hoxe en día conservamos máis de 430 números, publicados en tres etapas que van de 1876 ata 1919. Na portada recollíase o lema deste xornal: “Os mandamentos do Marcos fora da eirexa son seis: facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir co que manda a lei, loitar polo noso adianto con entusiasmo e con fe, vestir calzóns e monteira”, e nel chegaron a colaborar moitos dos grandes das nosas letras de finais do XIX e principios do XX, como Curros, Pondal, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, etc. 


Outras das cabeceiras máis destacadas nas que Valentín Lamas Carvajal chegou a participar ao longo da súa carreira son La aurora de Galicia, El Eco de Orense e máis El Heraldo gallego. Ademais tivo unha intensa carreira literaria á marxe do xornalismo. Foi un notable escritor de versos en galego, como queda reflectido nas súas obras Espiñas, follas e frores; porén, a súa obra máis coñecida escribiuna en prosa: O Catecismo do labrego, que durante moitos anos foi unha das obras máis populares escritas en galego. Trátase dunha parodia que critica, de xeito satírico, os abusos aos que eran sometidos os labregos galegos naquela etapa dominada por un sistema político caciquil. Estamos ante un dos paradigmas que exemplifican o éxito que tivo na provincia de Ourense o movemento agrarista.

_P._--¿Sondes labrego?
_R._--Si, pol-a miña disgracia.
_P._--Ese nome de labrego, ¿de quén o recibiche?
_R._--D'o sacho que me fai callos n-as maus, d'a terra que rego c'o sudor d'a miña testa, d'as mouras fames que paso, d'o aire que brua n-as miñas faltriqueiras, d'a monteira que levo n-a chola, d'a coroza de palla que me libra d'a chuvia, d'as cirigolas d'estopa que me cobren de medio corpo abaixo, e d'outras cativeces entr'as que vivo aguniando. (...)
VALENTÍN LAMAS CARVAJAL, O catecismo do labrego 

Nesta Ourense das letras, xa entrado o século XX, vai abrollar unha marabillosa xeración de escritores e intelectuais, coñecida como Xeración Nós. Os Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez, Xaquín Lorenzo, etc. van marcar para sempre a historia das nosas letras.

Unha figura chave no xurdimento do grupo foi Antón Losada Diéguez. Nacido en Boborás, despois dunha ampla formación consegue unha cátedra no instituto de Ourense. En 1917 entra a formar parte das Irmandades da Fala, chega en pouco tempo a liderar o grupo, conseguindo atraer a moitos dos seus amigos do cenáculo ourensán cara á Irmandade de Ourense, que xunto coa da Coruña sería a máis destacada de cantas se formaron en Galicia. El foi o iniciador e aglutinador do grupo; en palabras de Xaquín Lorenzo, foi “a semente da xeración Nós”.

Losada Diéguez implicouse de cheo na actividade xornalística e política, sempre en colaboración directa con Vicente Risco, formando o grupo máis conservador do nacionalismo galego, feito que provocaría o seu confronto co grupo nacionalista da Coruña, de espírito máis progresista. En 1920 funda, xunto a Risco e Arturo Noguerol (outro dos intelectuais ourensáns do grupo), unha das principais cabeceiras da nosa prensa como foi a revista Nós. No eido xornalístico, literario e mesmo na gráfica, Nós supón un cumio na historia das letras galegas. Contou cunha longa andaina que comeza en Ourense,  vai pasando por Pontevedra, A Coruña e Compostela, ata a súa definitiva desaparición en 1936. Dirixida por Vicente Risco no seu apartado literario, e por Castelao na gráfica, nela participaron os grandes intelectuais galegos do primeiro tercio do século XX. O espírito da publicación era promover a cultura e a lingua galegas ao máis alto nivel. Ademais, colaboraron nelas moitos intelectuais de fóra, pois tiña Nós unha vocación clara de divulgar a cultura de alén de Galicia. A interpretación e posta en valor da nosa cultura e a divulgación das ideas e da cultura europea, estas dúas liñas eran compatibles nunha revista que ben podía publicar un artigo etnográfico ou histórico sobre an nosa terra, e nas páxinas seguintes unha tradución do Ulises de James Joyce feita por Otero Pedrayo.

Losada Diéguez, que despois foi trasladado a Pontevedra, contribuíu firmemente na creación doutra das entidades principais na nosa cultura como foi o Seminario de Estudios Galegos, cuxo xermolo tamén o atopamos na cidade das Burgas.  O Seminario de Estudos Galegos foi a consecuencia lóxica desta arela do grupo intelectual e galeguista ourensán de comprenderen mellor o noso pasado e a nosa cultura. Así, nunha época na que a universidade compostelá non cumpría a función de investigar sobre o noso, este grupo de traballo tiña como obxectivo "o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos". Non está de máis nomear a algúns dos personaxes que contribuíron  a este proxecto, que durou ata a guerra civil, e que despois sería recuperado no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Castelao ocupábase da sección de letras, Vicente Risco da de etnografía, Armando Cotarelo Valledor da filoloxía, Florentino López Cuevillas, outro ourensán do grupo Nós, da sección de Prehistoria, o propio Otero Pedrayo da xeografía e historia, da literatura encargábase Filgueira Valverde, das ciencias naturais Luís Iglesias, etc. Así, Galicia acadaba un grupo de científicos e intelectuais que, de xeito rigoroso, traballando de xeito voluntario na súa sé compostelá do pazo de Fonseca, púñanse ao seu servizo para tratar de comprendela mellor.

Losada Diéguez aínda participaría na fundación do Museo de Pontevedra, cando foi deputado pola provincia en 1924. Cinco anos máis tarde, en 1929, morrería na boa vila o que foi un dos máis válidos defensores da nosa cultura no primeiro tercio do século XX. A través dos seus ensaios de carácter político e da correspondencia que mantivo cos intelectuais da súa época, podemos achegarnos a unha das figuras chaves do galeguismo do primeiro tercio do XX. Alén disto, tamén deixounos, malia a súa prematura morte aos corenta anos, unha interesante obra literaria formada por unha serie de contos publicados en Nós e noutras publicacións,  e  unha peza teatral (A Domeadora). En 1985 foille dedicado o día das letras galegas por toda esta brillante traxectoria.

Lamas Carvajal cantaba é ría. Y-ó cantar eran os seus desexos un soño ideale d'unha Galicia nova surxindo d'a natureza campesía, d'os vales, e d'os curutos, forte e brincadeira n-o agarimo d'a terra. Y-ó rîr era a sua risa azoute ou mallo pr'os esprotadores, y-as suas parolas como aguelas qu'en fondas feridas facían sangue envolta en risadas, risadas ben cheas de leuciós, topando un eco n-os corazós labregos.
ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ, texto homenaxe a Lamas carvajal, O tío Marcos da Portela, nº 32 (1918)

Losada Diéguez foi fundamental para o achegamento de Otero Pedrayo e Vicente Risco cara ao galeguismo. O chamado cenáculo ourensán formábano un grupo de novos intelectuais, con aspecto dandi e carácter diletante, de estética modernista, que se xuntaban nos faladoiros e publicaban artigos na revista La centuria. En Nós, os inadaptados, Risco recolle o carácter deste grupo, que vivía arredado dos problemas do mundo, e que se interesaban polas temas tan variados como as culturas orientais e o esoterismo.O seu encontro co galeguismo foi rápido, sendo para eles unha auténtica descuberta, e asumindo axiña as causas da defensa da terra e da lingua. Cómpre deternos agora nas figuras de Risco e de Otero Pedrayo, dous dos escritores máis importantes das nosas letras.

Vicente Martínez Risco nace na cidade de Ourense en 1884, no seo dunha familia acomodada (seu pai era funcionario de facenda). Estudou o bacharelato na súa cidade natal, onde xa compartía amizade con Otero Pedrayo. En 1899 marcha a Compostela a estudiar dereito, licenciándose en 1906, nese ano gaña unha praza para exercer o mesmo traballo co seu pai, funcionario de facenda, e tamén en Ourense, cidade a onde regresa. Estes anos de formación van ser fundamentais na súa traxectoria, nos que Risco acada unha fonda cultura universal, chegando incluso a interesarse pola filosofía oriental e o ocultismo. Durante a súa mocidade convértese nun gran estudoso da literatura europea.

En 1910 comeza a súa andaina xornalística na publicación El Miño. Ourense se lle queda cativa, a vida de funcionario de facenda non lle presta,  así que decidiu marchar a Madrid a estudiar outra profesión: maxisterio. Na capital coincide con Ortega y Gasset e Ramón Gómez de la Serna, dous dos intelectuais españois máis destacados do século XX, que tamén influíron nesta primeira etapa da súa traxectoria. Risco vai ficar en Madrid ata que se titula en 1916 e regresa a Ourense como catedrático de historia da escola Normal. Á súa volta, colabora na fundación da revista cultural e literaria La Centuria.

En 1917 prodúcese a súa incorporación ás Irmandades da Fala. A partir deste momento, comezará a usar o galego como modo de expresión intelectual. Comeza a súa carreira política, que o leva a participar en mitins e a declamar discursos en público. En 1918 colabora en A Nosa Terra, o xornal das Irmandades, dándolle unha fasquía culta e universal a través dunha serie de artigos sobre a vangarda literaria europea que el tan ben coñecía. En pouco tempo convértese no primeiro intelectual e teórico do nacionalismo galego, sobre todo trala publicación da súa obra Teoría do nacionalismo galego (1920),  na que senta as bases teóricas do movemento que acababa de nacer.

Tamén en 1920 funda e comeza a colaborar na revista Nós. Tras a fundación do Seminario de Estudos Galegos, Risco dirixe a sección de etnoloxía. Na década dos 20 fará traballo de campo investigando o patrimonio cultural galego, e publicará interesantes artigos sobre os seus estudios.

Estes primeiros anos da década dos 20 decantan a Risco cara unha posición “culturalista” e conservadora dentro do nacionalismo galego, diferenciándose o grupo ourensán que el lidera do grupo da Coruña pola estratexia e polo pensamento máis conservador no social que lle imprime Risco. O grupo acabará escindido das Irmandades da Fala e formando a Irmandade Nazonalista Galega. Nesta altura contrae matrimonio e nacen os seus dous fillos, a pequena morrerá aos tres anos de idade, e o neno, converteríase, co tempo, nun importante filólogo e escritor en galego.

Durante a ditadura de Primo de Rivera céntrase no labor cultural. Nesta época publica O lobo da Xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Desta década é tamén a súa gran novela O porco de Pé, crítica mordaz ao sistema caciquil que imperaba daquela en Galicia.

En 1930 marcha a Berlín a facer un curso de etnoloxía. As súas impresións desta viaxe son publicadas en A Nosa Terra e posteriormente recompiladas nunha obra chamada Mitteleuropa (1934). O espírito cristián e conservador da Baviera causan en Risco unha fonda impresión e moldean un escoramento cara a posicións sociais tradicionalistas, e incluso reaccionarias. Durante a II República é elixido como membro directivo do partido Galeguista, máis nunca ocultou a súa distancia co postura ideolóxica da maioría do partido.

No ano 1935 rompe co Partido Galeguista e crea a Dereita Galeguista. No ano seguinte apoiará o Estatuto de Galicia, mais a partir do ano 36 Risco deixa de escribir en galego (agás na súa colaboración no 50 na Historia de Galiza de Otero Pedrayo), e sitúase nunha posición intelectual favorable ao franquismo, iniciando outra traxectoria literaria e intelectual ben diferente da que desenvolve nas dúas décadas anteriores. Risco morre en 1963, e en 1981 lle dedican o día das letras galegas.

Foi Risco un intelectual galego de primeiro orde, cunha formación en humanidades moi completa, e que deixou unha singular pegada na nosa cultura grazas a narrativa e ao ensaio. As características principais da súa personalidade intelectual son o individualismo e a defensa das elites, o irracionalismo e a crítica do progreso e a ciencia, o seu “culturalismo”, espiritualismo, misticismo e incluso relixiosidade. Foi quen de idealizar a Galicia e as súas xentes, e tamén de facer unha crítica mordaz ao mundo que lle rodea e amosarse escéptico ante el, é tamén un gran compilador da literatura popular, algo que podemos albiscar na súa obra. Nos últimos tempos a súa obra e pensamento están sendo revisados,  sobre todo a partir dun artigo publicado por Suso de Toro no diaro El País encol da súa posición ideolóxica. Non nos sentimos con azos nin consideramos ter a capacidade e a preparación para entrar no debate. Citaremos, entón, a un dos mellores estudosos das nosas letras como é Carvalho Calero, que hai tempo escribía o seguinte respecto á  figura de Risco:

«A vocación, pois, de Risco, é sempre a herexía, a reacción, a discrepancia, a oposición, a inadaptación. Simplemente, segundo as circunstancias históricas en que se desenvolve a súa vida intelectual, elixe, en parte ceibemente, en parte condicionado polo medio, o ouxeto desa oposición. En todo caso, ese ouxeto se lle presenta como filistéu, é dicir, superficialmente utilitario, mostrenco, vulgarmente social, gregariamente imperoal. Os escritos de Risco son sempre didácticos, pero o ouxeto da información que nos proporcionan é sobre todo a mentalidade do propio Risco» (Ricardo Carvalho Calero)

A súa novela máis coñecida, e tamén na que nos atopamos un Risco máis crítico pero tamén máis humorístico é O porco de Pé. Trátase dunha sátira do caciquismo, representado neste caso por Don Celedonio, un comerciante castelán que chega a alcalde nunha vila galega. Velaquí a representación do Filisteu que Risco aborrecía: burgués, materialista, sen modais nin preparación intelectual, mais excelentemente preparado para a vida moderna. A antítese de don Celedonio é o doutor Alveiros, que ao final claudica ante a preponderancia social do “porco”. Mentres a cidade enteira honra a don Celedonio, a Biblioteca Municipal arde, metáfora que representa dun xeito moi claro a concepción que tiña Risco dos tempos que lle tocaron vivir. O comezo do libro é un resumo perfecto dos feitos que o autor narra a continuación:

«Na posguerra, don Celedonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita.
Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petitgris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis.
Vouvos referir a vida de don Celedonio e do seu sogro e principal Baldomero García, aquel que lles berraba ao mancebos: “¡Cando na miña casa entra unha peseta, para que volva a saír, cómpre facer un expediente!
Deste xeito veredes o que vai de tempos a tempos. (...)»
VICENTE RISCO: O porco de Pé.

Ramón Otero Pedrayo nace en Ourense en 1888, xusto na mesma casa da rúa da Paz onde naceu Risco, veciño e amigo da infancia, e morre en 1876 aos 88 anos de idade. De orixe fidalga, o seu pai era un médico moi popular na cidade e nas terras de Amoeiro, pois ademais da casa de Ourense, a familia tiña un vello pazo en Trasalba, hoxe en día convertido na súa casa-museo. Otero Pedrayo cursou o bacharelato en Ourense e trasladouse logo a Santiago de Compostela a estudar filosofía e letras. De Santiago pasa a Madrid, onde ademais estudia Xeografía e Historia, acadando unha fondísima preparación intelectual: Baudelaire, Stendhal, Chateaubrieand... coñece a obras dos máis senlleiros escritores e pensadores europeos, máis non acaba de decidir o seu vieiro na vida.

En 1911 regresa a Ourense e participa durante esta década nos ambientes intelectuais da cidade, na que o grupo que el e máis Risco lideran tenta de marcar as diferencias a través da súa tarefa intelectual universalista, no coñecido cenáculo ourensán. En 1917 entra nas Irmandades da Fala. Para Otero Pedrayo, o nacionalismo é tamén unha descuberta, un novo horizonte onde desenvolver toda a súa capacidade intelectual.  A lingua galega, a cultura, a etnoloxía e, no caso de Otero, a historia e a paisaxe, serán a razón de ser da súa obra. No Seminario de Estudios Galegos encargarase da sección de Xeografía e Historia, coa tarefa de renovar o traballo de Murguía.

Na época da II República é elixido deputado a cortes pola provincia de Ourense en 1931 como membro do Partido Galeguista. A súa labor política centrouse na defensa dun estado federal e no estatuto de Autonomía para Galicia; porén, Otero non foi político por vocación, se non máis ben polas circunstancias de militancia política. Cando estoura a guerra civil é deposto da súa cátedra no instituto de Ourense e marcha para o pazo de Trasalba, onde viviría nun exilio interior na dura década dos corenta, xunto coa súa muller e a súa nai. Alí convértese nun símbolo da resistencia contra o réxime, sendo o primeiro autor que utiliza publicamente a lingua galega despois da guerra, en 1949.

Unha data moi significativa para a cultura galega foi a viaxe que realiza a Bos Aires en 1947, e que significa o encontro das dúas comunidades culturais, as do exilio “interior” e “exterior”. Como lle dixo Castelao: “abrazarte a ti é abrazar Galiza”.

Paseniño vai retornando a actividade pública. Nunca pediu regresar a súa cátedra ourensá, pois nunca pedira a baixa, así que oposita e gaña praza como catedrático de xeografía na Universidade de Santiago. Corría o 1950, e nese mesmo ano pasa a dirixir a Editorial Galaxia, traballando, dentro das posibilidades que se ían abrindo, na escolma e edición daqueles autores que escribiran e que escribían naquela altura en galego, daquela xa era considerado o grande patriarca das letras galegas. Pedrayo vai aglutinar, promover e aconsellar ás novas xeracións de escritores en galego, converténdose, con Piñeiro e del Riego, entre outros, nun dos grandes dinamizadores das nosas letras na segunda metade do XX.

Foi Otero Pedrayo un dos máis grandes oradores que viu nacer a nosa terra. Nos seus discursos, algúns dos cales foron recuperados en precarias gravacións, podemos albiscar a súa extraordinaria erudición e capacidade de expresión oral. E tamén de improvisación.

En 1959 regresa a Bos Aires, sendo recibido nunha agarimosa e multitudinaria homenaxe pola comunidade galega da capital arxentina. Pasa os últimos anos da súa vida na súa casa fidalga de Trasalba, sen chegar a abandonar nunca a súa fonda e extensa produción literaria e intelectual, ata que morre, xa coa democracia chamando ás portas da súa Galicia, en 1976.

A súa produción cultural foi amplísima e de grande calidade. Estamos diante du home dun fondo carácter liberal, un humanista de raigame cristiá, dotado dunha extraordinaria capacidade intelectual, vencellado ao nacionalismo galego e comprometido coa defensa dos dereitos históricos de Galicia. Para Otero Pedrayo, o pasado é un espello que reflicte o vieiro que debe tomar Galicia para o seu desenvolvemento, considerando o Antigo Réxime, idealizado por el, como unha  idade de ouro onde primaba o equilibrio social, e a arquitectura da época como un reflexo da grandeza da época.

Otero Pedrayo desenvolveu con éxito practicamente todos os xéneros literarios, sendo un dos máis sobranceiros ensaístas e narradores das nosas letras, e ficando nunha altura menor na poesía. Ademais foi un colaborador habitual na prensa galega da época.

No xénero de ensaio temos que destacar dúas das súas obras. En primeiro lugar o seu Ensaio histórico sobre a cultura Galega, cultura que el entende como a esencia do pobo e que recolle desde a súa historia, a súas expresións cultas e populares e a súa traxectoria artística, presentándonos unha Galicia “total” a través dos diferentes elementos da súa esencia nacional. Nela, Otero Pedrayo valora a época prehistórica vencellada a unha orixe celta, o pleno medievo co esplendor compostelán, e o século do barroco como as etapas máis gloriosas do noso pasado. E ademais déixanos unha reflexión sobre a necesidade de coñecermos e de valorarmos o noso pasado, como base para unha comprensión mellor do presente e do futuro, xa que como el deixou escrito «Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima». A outra grande obra ensaística é a súa monumental Historia de Galiza, el mesmo realizou o tomo dedicado á xeografía e dirixiu un proxecto amplísimo que supuxo a renovación da vella historiografía galega.

No tocante á súa narrativa imos destacar as tres obras que consideramos máis significativas dunha extensa carreira que se dilatou no tempo. Os camiños da vida é unha novela dividida en tres partes que gardan certa relación entre si. O fondo da novela é o deterioro de Galicia exemplificado na decadencia dos labregos e dos fidalgos, e a aparición da burguesía e da clase obreira como algo alleo a terra e que ven destruír a orde natural. Tamén destacou no relato curto. En O fidalgo aborda outra vez o tema da vida fidalga do século XIX e as súas contradicións froito dunha modernidade non asumida.

Seguramente a mellor novela que ten escrito Otero Pedrayo é Arredor de si, na que conta a historia de Adrián Solovio. Trátase dun personaxe con moitos matices autobiográficos, un home que anda perdido na procura dun horizonte intelectual que non atopa nin en Madrid nin en Europa, e que acaba por descubrir na súa Galicia natal, sendo ademais o mapa do territorio de Domingo Fontán e a paisaxe que ve tras a súa xanela o que termina de abrirlle os ollos. Sendo galego, foi como o personaxe acadou o seu horizonte intelectual.

«Por Galicia e na Galicia era Adrián europeo e planetario. Xa podía dirixir a súas frechas a un fito. Foi obra leda e rápida como toda liberación. Fíxoa pola meditación apaixoada servida pola experiencia dos ensaios fracasados, e pola amorosa descoberta da terra. Máis adiante Solovio compracíase en lembrar sen propósito pedagóxico, como exemplo e enseño para os máis, as etapas do seu itinerario da perfección. No decorrer dun ano fixo vairas viaxes: costa brava, algún mes en Santiago, no verán co caxato e morral andou a pé grandes anacos de serra, onde se demora sempre un recendo e unha elegancia de invernía. Deste xeito foi sentindo a historia vivente da Galicia e puido meditar a súa proxección no porvir (...)»
RAMÓN OTERO PEDRAYO: Arredor de si.

A cultura galega non ó limitaba, a cultura galega foi a que lle abriu infinitos vieiros. Na esencia da súa terra atopa Solovio o seu destino, o mesmo que  lle aconteceu aos membros da súa xeración, como nos aclara Vicente Risco:

«Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun soilo home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ao que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andivo todo o tempo dando voltas arredor de si cada un arredor de si mesmo sen atoparse endexamais de todo.»

Uns anos máis tarde que Risco e Pedrayo, concretamente no 1897, nacía en Ourense Eduardo Blanco Amor. Desde moi novo interesouse polo mundo do xornalismo na cidade das burgas, onde coñeceu a Risco, de quen foi alumno. A súa experiencia vital levouno, sendo aínda moi novo, cara a emigración en Bos Aires (1919) para exercer a súa profesión de xornalista, polo que non participou directamente en toda aquela actividade intelectual que bulía en Ourense na década dos 20. Porén, na capital arxentina realizará un importante labor intelectual xunto con outros galeguistas como Ramón Suárez Picallo ou Ramiro Isla, chegando a fundar unha revista escrita en galego chamada Terra, e sendo director da mítica revista Céltiga. Na década dos 20, en América, comeza a súa andaina literaria, publicando os seus primeiros textos en galego. Unha estancia dun ano en Galicia, como correspondente do diario arxentino La Nación, permitiulle contactar cos galeguistas e coñecer a Castelao; así, froito desta amizade, xurde a súa participación na revista Nós.

En 1933 regresa á península, esta vez como correspondente na capital do estado. Unha consecuencia desta estancia na Madrid republicana foi a súa amizade con Federico García Lorca, e a colaboración co poeta granadino nos seis poemas galegos que este escribiu.

Coa guerra, Blanco Amor volve a Arxentina, onde pasaría as seguintes décadas. Tardaría moito en volver a escribir en galego, ata mediada a década dos 50, mais o reencontro coa nosa lingua sería case máxico. En 1959 publica A Esmorga, unha das novelas de máis éxito da literatura galega contemporánea. A historia, ambientada en Auria (Ourense), cóntanos o que lles aconteceu a tres homes, o Cibrán, o Milhomes e o Bocas. Nunha mañá de inverno, deciden non ir a traballar e continuar a festa. É unha novela onde o elemento líquido resulta determinante para o decorrer dos feitos. A choiva invítaos a poñerse a cuberto nas tascas, onde será outro líquido, o viño, o que corra dabondo, ata que o final chegue a traxedia. A linguaxe popular, a orixinalidade da historia, a modernidade da estrutura e do estilo, e a mestura de drama e humor convértena nunha obra única das nosas letras.

 (...) - Cuantos cartos tedes?, preguntou Xanciño. Eu non tiña coasi ren, pois déralle todo o xornal á raxada.
- Eu teño dez pesos, e vámolos foder todos esta noite, dixo fonchoso, o Milhomes.
- A min quédanme catro ou cinco.. pro témola que seguir, que sobran de abondo . argallou o bocas.
- Eu voume pra a miña casa, pra a casa damiña nai- respondinlles; qué esa era a verdade pois eu non tiña mentes de seguir facendo falcatruadas, que bastante tíñamos feitas.
- Seica estás tolo! Cos líos que temos armado, onde primeiro te buscarán será na casa da raxada ou na da túa nai. Pensas que son parvos!, dixo o Bocas. ímola seguir e mañá será outro día.
- A min nada teñen que me apoñer nen por qué precurarme, que eu nada fixen nen me metín con ninguén.
- E quén guindou o quinqué que puxo lume no pazo?
- Esbaroume da mau... Non o fixen adrede. Que sabía eu que ía estoupar daquil xeito, como si fose unha bomba, nen que culpa teño eu de que a leñeira estivese alí tan perto? Vaia, coño...! (...)»
EDUARDO BLANCO AMOR: A esmorga. Galaxia, Vigo 1975 (3ª edición)

Ademais de A esmorga, Blanco Amor escribiu Xente ao lonxe, outra novela ambientada na Ourense de principios do século XX, na que a través da historia dunha familia de clase obreira, podemos albiscar as diferencias sociais da urbe naquela altura.

Blanco Amor sempre sentiu unha grande paixón  polo teatro. De feito, en Bos Aires, creou o Teatro Popular Galego, que representou na capital arxentina moitas das obras dos nosos mellores dramaturgos. Tamén foi creador neste xénero, con obras como Teatro prá xente (1975). Cómpre subliñar, por outra banda, a súa calidade como escritor de contos dirixidos para o público infantil e xuvenil. Na súa obra sobranceira neste eido, Os biosbardos, a través de oito contos contados en primeira persoa por nenos, recrea diferentes escenarios da Auria da súa infancia.


En 1965 Eduardo Blanco Amor, un dos máis grandes escritores en lingua galega, regresou a Galicia, onde permaneceu ata a súa morte en Vigo no ano 1979. O seu corpo está soterrado no convento de San Francisco, na cidade que con tanto agarimo retratou na súa obra.

Ourense seguiu sendo berce de escritores durante décadas, pois alí naceron, tamén, Carlos Casares e Xosé Luís Méndez Ferrín. Carlos Casares criouse en Xinzo da Limia, porén, a cidade de Ourense deixou unha fonda pegada na súa obra literaria. Na súa novela titulada Ilustrísima (1980), narra a polémica da chegada do cinematógrafo a unha cidade do interior de Galicia, nomeadamente Ourense, fenómeno que vai desatar unha grande polémica no bispado da cidade, e na que cada quen vai quedar retratado. A novela recolle o ambiente de principios de século e as disputas políticas dentro do sistema de quendas da restauración. Ilustrísima supón un cambio de ciclo na vida literaria de Casares, a través da cal abandona a literatura de vangarda para asomarse ao realismo. Ademais desta obra, Casares deixounos outros grandes exemplos da súa capacidade creadora, con obras da categoría de Deus sentado nun sillón azul (1996), Vento ferido (1967) ou Os mortos daquel verán ( 1987). Ademais, foi moi importante o seu traballo como columnista en La voz de Galicia, e na dirección da Editorial Galaxia.

Rematamos a clase coa figura de Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos nosos mellores poetas e tamén narradores, ademais de ser o gran renovador destes dous xéneros. Nacido en Ourense no ano 1938, aos vinte anos forma o grupo Brais Pinto en Madrid, xunto con outros estudantes galegos, na que sería a primeira de moitas iniciativas culturais.Tería un periplo de formación por Europa e despois regresará a Galicia, implicándose nos movementos políticos nacionalistas e de resistencia contra o réxime de Franco, o que lle custou a cadea. Ademais continuou dedicándose a docencia, ao xornalismo e, sobre todo, a unha moi brillante carreira no mundo das letras.

É un escritor sobranceiro na poesía, xénero no que se amosa como un dos principais renovadores. A súa obra Con pólvora e magnolias, é unha das grandes referencias da literatura galega moderna. Supón redescubrir a linguaxe poética desde unha visión máis moderna, tamén íntima e persoal, sen renunciar ao compromiso ético e a función social. A dimensión estética e os recursos literarios multiplícanse, abrindo unha nova xanela cara os creadores modernos en verso.

Señoras do pasado
 «E quíxenvos moi tristemente a todas
as que forades rapidamente eu (un pouco).
Unha lus nos lugares do estremecemento
e tardes coma rodas de bronce, interminábeles.
Poderosas mañáns de rexurdimento e ollos no chao, de amor outido.
E quíxenvos moi escasamente a todas
porque nas regandixas de eu caben ourizos e sofrir é amor
e nada para o tempo que destrue os ourizos.
E quíxenvos (queréndome) coma un río que fose
dos meus ollos a vós, as tidas e perdidas,
limítrofes do amor, esquencidas pra sempre.
E quíxenvos autente, e case non vos quixen
antre tanto artefauto, construcción, mala pedra,
que nos ten envisgados
nas cousas, coma lentos navíos que mainamente esbaran.
Chamo por vosoutras, nomes apenas tatuados
no baleiro e no fume, e reclamo ese espacio
que deixáchedes e que cecais é globo (de lume e desespero).
Señoras do pasado, damas investigadas a través dos ensoños
sobre cabalos nidios, inmóbiles no outono de antano,
sen bris mesmo, 
merci por un crepúsculo, ou acaso algún beixo,
ou polos poderosos erguementos do sangue,
ou por sorrisos líquidos a carón da magnolia.
Quíxenvos lenemente, e mesmamente fúchedes
capaces da captura dun anaco de sombra de min,
e fiquei menos.
Inútil esta ollada por derriba do tempo que me outorga silencio,
escamas, arruínas, borralla, meus ronseles.
Quíxenvos fuxidío, oh amigas de antonte,
meu espantoso espello neste solpor que vence.»
X. L. MÉNDEZ FERRÍN: Con pólvora e magnolias,
 

Dentro da narrativa, a obra de Ferrín posúe tamén unha extraordinaria calidade. Neste ámbito, o ourensán practica diferentes rexistros, que van desde a literatura fantástica (Amor de Artur, Arnoia Arnoia), pasando polo compromiso social e político (Retorno a Tagen Ata), ata unha literatura máis vencellada a identidade comunitaria  (Arraianos). A súa obra é considerada por algúns especialistas como un macrotexto, debido ao reencontro con escenarios e personaxes xa coñecidos bas súas diferentes obras. Nela reúnese o fantástico e o común, o onírico e o real, a loita e a violencia, heroes e anti-heroes, e unha multiplicidade de escenarios xa coñecidos, ou ben creados polo propio autor. Ferrín acada con estas obras un altísimo nivel, sendo un dos escritores fundamentais na nosa lingua, feito que lle foi recoñecido a través de numerosos premios, ademais da súa recente elección como presidente da Real Academia Galega.