Páginas

16.3.11

OURENSE: CIDADE DE LETRAS

Ourense é a cidade literaria galega por excelencia. Desde finais do século XIX a chamada cidade das burgas aportou ás nosas letras un gran número de escritores de gran calidade. Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros, forman parte deste grande elenco de escritores que naceron ou tiveron unha grande relación coa cidade. Moitos destes intelectuais, ademais, reflectiron o ambiente das rúas da cidade, convertidas en protagonistas das súas obras, e retrataron aos diferentes grupos sociais que habitaron Ourense ao longo do tempo.

Son tantos e tan variados os intelectuais que partillaron experiencias nas rúas e nos círculos literarios de Ourense que non é posible abranguelos a todos no tempo que dura esta clase. Aínda así, trataremos de achegarnos ás figuras máis sobranceiras, comezando por un de Celanova como foi Curros Enríquez e continuando con un dos grandes animadores da prensa e da política galega, como foron Valentín Lamas Carvajal. Despois falaremos das grandes figuras da xeración Nós, con Otero, Risco e Antón Losada Diéguez á cabeza. Por último, achegarémonos as novas xeracións de escritores xurdidas na cidade, da man de Blanco Amor, Carlos Casares ou o propio Xosé Luís Méndez Ferrín. Mais, antes de comentar a figura e a obra de todos estes persoeiros, falaremos da cidade de Ourense, da súa configuración e do seu patrimonio cultural e artístico.

Ourense ten unha orixe romana, foi unha civitas romana, creada na época de Augusto, na confluencia dos ríos Miño e Barbaña, ocupando un extenso val. Desta época temos unha ponte que atravesa o río Miño, que foi reformada con posterioridade. A cidade foi chamada Auriense polos romanos, debido á grande cantidade de ouro que extraían da zona. É ben sabida a paixón dos romanos polas augas termais, por iso, nas termas de Ourense, nas burgas, das que abrolla auga a 60 graos de xeito natural, atoparon un bo lugar para o seu tempo de lecer. Despois deste período, xa no medievo, Ourense vai ser un dos centros máis destacados no vello reino dos suevos, quedando ligada á tradición de San Martiño de Tours, en cuxa honra ergueuse un templo en tempos do rei Carriarico no Século VI (precedente da catedral, na que aínda se conservan algunhas mostras daquela orixe tan afastada no tempo). A catedral de Ourense quedou como testemuña do vagar dos séculos. De orixe románica tardía, de clara influencia compostelá, nela rexístranse os diferentes estilos artísticos gótico, renacentista, barroco e neoclásico.

Nos séculos centrais da idade media, a cidade restaurase e aséntase como unha das vilas importantes do reino, quedando configurada como sé episcopal e centro dunha comarca fundamentalmente agraria. Ourense verá como transcorren os séculos demoradamente, sendo protagonista dalgúns feitos relevantes no medievo, dentro das habituais disputas entre nobreza e clero, sendo tamén escenario das guerras irmandiñas. Desta etapa contamos como testemuña coa igrexa e o claustro do Convento de San Francisco, hoxe en día en fase de recuperación.

Da idade moderna temos interesantes exemplos do barroco, como Santa Eufemia e Santa María a Nai, exemplos desa arquitectura granítica que tanto emocionaba a Otero Pedrayo. Ourense medrará grazas á súa condición de encrucillada de camiños, sendo porta de entrada e de saída de Galicia cara a meseta. Foi por isto que Ourense se configurou como unha cidade con importantes comerciantes chegados da meseta, e que foron feramente caricaturizados por Risco en O porco de pé.

A Rúa do Progreso de Ourense non pode ter un nome máis atinado, pois foi alí desde onde se vertebrou o Ourense de finais do XIX e principios do XX, a través da vía pola que chegaban á cidade todas as novidades. Desde a segunda metade do século XIX a cidade medrará debido a que o seu carácter de encrucillada acentúase, sobre todo, cando chega o camiño de ferro procedente de Madrid e con destino a Compostela e ao mar. O propio Manuel Curros Enríquez, natural de Celanova, viviu naquela Ourense dinámica e vizosa de finais do XIX, e lle dedicou uns versos á chegada do tren á cidade. Alí traballou como funcionario de facenda e escribiu a súa obra Aires da miña terra.

 Vel-ahí ven, vel-ahí ven avantande
Comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vel-a, mociños e mozas!
¡Saludáina, rapaces e vellos!
   Por onde ela pasa
Fecunda os terreos,
Espértans' os homes,
Frolecen os eidos.
   Vel-ahí ven, vel-ahí ven, tan houpada,
Tan milagrosiña, con paso tan meigo,
Que parece unha Nosa-Señora,
Unha Nosa-Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos 
MANUEL CURROS ENRIQUEZ, Na chegada a Ourense da primeira locomotora (Aires da Miña terra)

Se cadra, naquela altura a cidade non estaba preparada para as ideas dun liberal, rexionalista e progresista como Curros, que aínda por riba foi denunciado polo mesmo bispo de Ourense debido ao contido anticlerical da súa obra, o que resultou ser unha das causas da súa marcha a Madrid.

Na época dourada deste Ourense das letras, a cidade medra de xeito ordenado, paseniño, de modo que non se chegou a desbordar nin deu cabida a unha grande masa de xente vida de fóra. Alí acode xente do campo, do comercio, e tamén aqueles fidalgos desleigados, froito da descomposición do antigo réxime, que tanta saudade lle provocaran a Otero Pedrayo. As rúas do Progreso e do Paseo, e a Alameda serán o centro da vida social da cidade nesta altura, cando se vai forxar unha forte conciencia urbana na que ferven as ideas de signo diverso, e nas que se multiplican os faladoiros e os encontros culturais.

A prensa vai xogar un papel moi importante na entrada das novas ideas, nomeadamente do rexionalismo e do agrarismo, e tamén na promoción da lingua. Neste campo, a figura máis destacada vai ser Valentín Lamas Carvajal. Nacido en 1849 na propia cidade de Ourense, estudou en Compostela para médico, pero os seus problemas de visión impedíronlle dedicarse a esta profesión. Así, Galicia perdeu un médico, pero gañou a un dos seus mellores xornalistas. Lamas Carvajal regresa a Ourense e desde alí  promove unha morea de iniciativas no eido do xornalismo. O seu labor máis destacado en prensa foi O tío Marcos da Portela, primeira publicación dirixida desde Galicia e escrita en galego. Trátase dun periódico de raigame galega, cunha fonda importancia do tema rural, e que adoptou sempre unha postura anticaciquil e de defensa dos intereses labregos. Que fora precisamente Ourense a cidade onde saíse do prelo (primeiro cada quince días, e despois semanalmente) O Tío Marcos da Portela explícase tamén en parte por esa conexión do rural e do urbano que sempre se produciu na cidade. Hoxe en día conservamos máis de 430 números, publicados en tres etapas que van de 1876 ata 1919. Na portada recollíase o lema deste xornal: “Os mandamentos do Marcos fora da eirexa son seis: facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir co que manda a lei, loitar polo noso adianto con entusiasmo e con fe, vestir calzóns e monteira”, e nel chegaron a colaborar moitos dos grandes das nosas letras de finais do XIX e principios do XX, como Curros, Pondal, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, etc. 


Outras das cabeceiras máis destacadas nas que Valentín Lamas Carvajal chegou a participar ao longo da súa carreira son La aurora de Galicia, El Eco de Orense e máis El Heraldo gallego. Ademais tivo unha intensa carreira literaria á marxe do xornalismo. Foi un notable escritor de versos en galego, como queda reflectido nas súas obras Espiñas, follas e frores; porén, a súa obra máis coñecida escribiuna en prosa: O Catecismo do labrego, que durante moitos anos foi unha das obras máis populares escritas en galego. Trátase dunha parodia que critica, de xeito satírico, os abusos aos que eran sometidos os labregos galegos naquela etapa dominada por un sistema político caciquil. Estamos ante un dos paradigmas que exemplifican o éxito que tivo na provincia de Ourense o movemento agrarista.

_P._--¿Sondes labrego?
_R._--Si, pol-a miña disgracia.
_P._--Ese nome de labrego, ¿de quén o recibiche?
_R._--D'o sacho que me fai callos n-as maus, d'a terra que rego c'o sudor d'a miña testa, d'as mouras fames que paso, d'o aire que brua n-as miñas faltriqueiras, d'a monteira que levo n-a chola, d'a coroza de palla que me libra d'a chuvia, d'as cirigolas d'estopa que me cobren de medio corpo abaixo, e d'outras cativeces entr'as que vivo aguniando. (...)
VALENTÍN LAMAS CARVAJAL, O catecismo do labrego 

Nesta Ourense das letras, xa entrado o século XX, vai abrollar unha marabillosa xeración de escritores e intelectuais, coñecida como Xeración Nós. Os Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez, Xaquín Lorenzo, etc. van marcar para sempre a historia das nosas letras.

Unha figura chave no xurdimento do grupo foi Antón Losada Diéguez. Nacido en Boborás, despois dunha ampla formación consegue unha cátedra no instituto de Ourense. En 1917 entra a formar parte das Irmandades da Fala, chega en pouco tempo a liderar o grupo, conseguindo atraer a moitos dos seus amigos do cenáculo ourensán cara á Irmandade de Ourense, que xunto coa da Coruña sería a máis destacada de cantas se formaron en Galicia. El foi o iniciador e aglutinador do grupo; en palabras de Xaquín Lorenzo, foi “a semente da xeración Nós”.

Losada Diéguez implicouse de cheo na actividade xornalística e política, sempre en colaboración directa con Vicente Risco, formando o grupo máis conservador do nacionalismo galego, feito que provocaría o seu confronto co grupo nacionalista da Coruña, de espírito máis progresista. En 1920 funda, xunto a Risco e Arturo Noguerol (outro dos intelectuais ourensáns do grupo), unha das principais cabeceiras da nosa prensa como foi a revista Nós. No eido xornalístico, literario e mesmo na gráfica, Nós supón un cumio na historia das letras galegas. Contou cunha longa andaina que comeza en Ourense,  vai pasando por Pontevedra, A Coruña e Compostela, ata a súa definitiva desaparición en 1936. Dirixida por Vicente Risco no seu apartado literario, e por Castelao na gráfica, nela participaron os grandes intelectuais galegos do primeiro tercio do século XX. O espírito da publicación era promover a cultura e a lingua galegas ao máis alto nivel. Ademais, colaboraron nelas moitos intelectuais de fóra, pois tiña Nós unha vocación clara de divulgar a cultura de alén de Galicia. A interpretación e posta en valor da nosa cultura e a divulgación das ideas e da cultura europea, estas dúas liñas eran compatibles nunha revista que ben podía publicar un artigo etnográfico ou histórico sobre an nosa terra, e nas páxinas seguintes unha tradución do Ulises de James Joyce feita por Otero Pedrayo.

Losada Diéguez, que despois foi trasladado a Pontevedra, contribuíu firmemente na creación doutra das entidades principais na nosa cultura como foi o Seminario de Estudios Galegos, cuxo xermolo tamén o atopamos na cidade das Burgas.  O Seminario de Estudos Galegos foi a consecuencia lóxica desta arela do grupo intelectual e galeguista ourensán de comprenderen mellor o noso pasado e a nosa cultura. Así, nunha época na que a universidade compostelá non cumpría a función de investigar sobre o noso, este grupo de traballo tiña como obxectivo "o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos". Non está de máis nomear a algúns dos personaxes que contribuíron  a este proxecto, que durou ata a guerra civil, e que despois sería recuperado no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento. Castelao ocupábase da sección de letras, Vicente Risco da de etnografía, Armando Cotarelo Valledor da filoloxía, Florentino López Cuevillas, outro ourensán do grupo Nós, da sección de Prehistoria, o propio Otero Pedrayo da xeografía e historia, da literatura encargábase Filgueira Valverde, das ciencias naturais Luís Iglesias, etc. Así, Galicia acadaba un grupo de científicos e intelectuais que, de xeito rigoroso, traballando de xeito voluntario na súa sé compostelá do pazo de Fonseca, púñanse ao seu servizo para tratar de comprendela mellor.

Losada Diéguez aínda participaría na fundación do Museo de Pontevedra, cando foi deputado pola provincia en 1924. Cinco anos máis tarde, en 1929, morrería na boa vila o que foi un dos máis válidos defensores da nosa cultura no primeiro tercio do século XX. A través dos seus ensaios de carácter político e da correspondencia que mantivo cos intelectuais da súa época, podemos achegarnos a unha das figuras chaves do galeguismo do primeiro tercio do XX. Alén disto, tamén deixounos, malia a súa prematura morte aos corenta anos, unha interesante obra literaria formada por unha serie de contos publicados en Nós e noutras publicacións,  e  unha peza teatral (A Domeadora). En 1985 foille dedicado o día das letras galegas por toda esta brillante traxectoria.

Lamas Carvajal cantaba é ría. Y-ó cantar eran os seus desexos un soño ideale d'unha Galicia nova surxindo d'a natureza campesía, d'os vales, e d'os curutos, forte e brincadeira n-o agarimo d'a terra. Y-ó rîr era a sua risa azoute ou mallo pr'os esprotadores, y-as suas parolas como aguelas qu'en fondas feridas facían sangue envolta en risadas, risadas ben cheas de leuciós, topando un eco n-os corazós labregos.
ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ, texto homenaxe a Lamas carvajal, O tío Marcos da Portela, nº 32 (1918)

Losada Diéguez foi fundamental para o achegamento de Otero Pedrayo e Vicente Risco cara ao galeguismo. O chamado cenáculo ourensán formábano un grupo de novos intelectuais, con aspecto dandi e carácter diletante, de estética modernista, que se xuntaban nos faladoiros e publicaban artigos na revista La centuria. En Nós, os inadaptados, Risco recolle o carácter deste grupo, que vivía arredado dos problemas do mundo, e que se interesaban polas temas tan variados como as culturas orientais e o esoterismo.O seu encontro co galeguismo foi rápido, sendo para eles unha auténtica descuberta, e asumindo axiña as causas da defensa da terra e da lingua. Cómpre deternos agora nas figuras de Risco e de Otero Pedrayo, dous dos escritores máis importantes das nosas letras.

Vicente Martínez Risco nace na cidade de Ourense en 1884, no seo dunha familia acomodada (seu pai era funcionario de facenda). Estudou o bacharelato na súa cidade natal, onde xa compartía amizade con Otero Pedrayo. En 1899 marcha a Compostela a estudiar dereito, licenciándose en 1906, nese ano gaña unha praza para exercer o mesmo traballo co seu pai, funcionario de facenda, e tamén en Ourense, cidade a onde regresa. Estes anos de formación van ser fundamentais na súa traxectoria, nos que Risco acada unha fonda cultura universal, chegando incluso a interesarse pola filosofía oriental e o ocultismo. Durante a súa mocidade convértese nun gran estudoso da literatura europea.

En 1910 comeza a súa andaina xornalística na publicación El Miño. Ourense se lle queda cativa, a vida de funcionario de facenda non lle presta,  así que decidiu marchar a Madrid a estudiar outra profesión: maxisterio. Na capital coincide con Ortega y Gasset e Ramón Gómez de la Serna, dous dos intelectuais españois máis destacados do século XX, que tamén influíron nesta primeira etapa da súa traxectoria. Risco vai ficar en Madrid ata que se titula en 1916 e regresa a Ourense como catedrático de historia da escola Normal. Á súa volta, colabora na fundación da revista cultural e literaria La Centuria.

En 1917 prodúcese a súa incorporación ás Irmandades da Fala. A partir deste momento, comezará a usar o galego como modo de expresión intelectual. Comeza a súa carreira política, que o leva a participar en mitins e a declamar discursos en público. En 1918 colabora en A Nosa Terra, o xornal das Irmandades, dándolle unha fasquía culta e universal a través dunha serie de artigos sobre a vangarda literaria europea que el tan ben coñecía. En pouco tempo convértese no primeiro intelectual e teórico do nacionalismo galego, sobre todo trala publicación da súa obra Teoría do nacionalismo galego (1920),  na que senta as bases teóricas do movemento que acababa de nacer.

Tamén en 1920 funda e comeza a colaborar na revista Nós. Tras a fundación do Seminario de Estudos Galegos, Risco dirixe a sección de etnoloxía. Na década dos 20 fará traballo de campo investigando o patrimonio cultural galego, e publicará interesantes artigos sobre os seus estudios.

Estes primeiros anos da década dos 20 decantan a Risco cara unha posición “culturalista” e conservadora dentro do nacionalismo galego, diferenciándose o grupo ourensán que el lidera do grupo da Coruña pola estratexia e polo pensamento máis conservador no social que lle imprime Risco. O grupo acabará escindido das Irmandades da Fala e formando a Irmandade Nazonalista Galega. Nesta altura contrae matrimonio e nacen os seus dous fillos, a pequena morrerá aos tres anos de idade, e o neno, converteríase, co tempo, nun importante filólogo e escritor en galego.

Durante a ditadura de Primo de Rivera céntrase no labor cultural. Nesta época publica O lobo da Xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Desta década é tamén a súa gran novela O porco de Pé, crítica mordaz ao sistema caciquil que imperaba daquela en Galicia.

En 1930 marcha a Berlín a facer un curso de etnoloxía. As súas impresións desta viaxe son publicadas en A Nosa Terra e posteriormente recompiladas nunha obra chamada Mitteleuropa (1934). O espírito cristián e conservador da Baviera causan en Risco unha fonda impresión e moldean un escoramento cara a posicións sociais tradicionalistas, e incluso reaccionarias. Durante a II República é elixido como membro directivo do partido Galeguista, máis nunca ocultou a súa distancia co postura ideolóxica da maioría do partido.

No ano 1935 rompe co Partido Galeguista e crea a Dereita Galeguista. No ano seguinte apoiará o Estatuto de Galicia, mais a partir do ano 36 Risco deixa de escribir en galego (agás na súa colaboración no 50 na Historia de Galiza de Otero Pedrayo), e sitúase nunha posición intelectual favorable ao franquismo, iniciando outra traxectoria literaria e intelectual ben diferente da que desenvolve nas dúas décadas anteriores. Risco morre en 1963, e en 1981 lle dedican o día das letras galegas.

Foi Risco un intelectual galego de primeiro orde, cunha formación en humanidades moi completa, e que deixou unha singular pegada na nosa cultura grazas a narrativa e ao ensaio. As características principais da súa personalidade intelectual son o individualismo e a defensa das elites, o irracionalismo e a crítica do progreso e a ciencia, o seu “culturalismo”, espiritualismo, misticismo e incluso relixiosidade. Foi quen de idealizar a Galicia e as súas xentes, e tamén de facer unha crítica mordaz ao mundo que lle rodea e amosarse escéptico ante el, é tamén un gran compilador da literatura popular, algo que podemos albiscar na súa obra. Nos últimos tempos a súa obra e pensamento están sendo revisados,  sobre todo a partir dun artigo publicado por Suso de Toro no diaro El País encol da súa posición ideolóxica. Non nos sentimos con azos nin consideramos ter a capacidade e a preparación para entrar no debate. Citaremos, entón, a un dos mellores estudosos das nosas letras como é Carvalho Calero, que hai tempo escribía o seguinte respecto á  figura de Risco:

«A vocación, pois, de Risco, é sempre a herexía, a reacción, a discrepancia, a oposición, a inadaptación. Simplemente, segundo as circunstancias históricas en que se desenvolve a súa vida intelectual, elixe, en parte ceibemente, en parte condicionado polo medio, o ouxeto desa oposición. En todo caso, ese ouxeto se lle presenta como filistéu, é dicir, superficialmente utilitario, mostrenco, vulgarmente social, gregariamente imperoal. Os escritos de Risco son sempre didácticos, pero o ouxeto da información que nos proporcionan é sobre todo a mentalidade do propio Risco» (Ricardo Carvalho Calero)

A súa novela máis coñecida, e tamén na que nos atopamos un Risco máis crítico pero tamén máis humorístico é O porco de Pé. Trátase dunha sátira do caciquismo, representado neste caso por Don Celedonio, un comerciante castelán que chega a alcalde nunha vila galega. Velaquí a representación do Filisteu que Risco aborrecía: burgués, materialista, sen modais nin preparación intelectual, mais excelentemente preparado para a vida moderna. A antítese de don Celedonio é o doutor Alveiros, que ao final claudica ante a preponderancia social do “porco”. Mentres a cidade enteira honra a don Celedonio, a Biblioteca Municipal arde, metáfora que representa dun xeito moi claro a concepción que tiña Risco dos tempos que lle tocaron vivir. O comezo do libro é un resumo perfecto dos feitos que o autor narra a continuación:

«Na posguerra, don Celedonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita.
Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petitgris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis.
Vouvos referir a vida de don Celedonio e do seu sogro e principal Baldomero García, aquel que lles berraba ao mancebos: “¡Cando na miña casa entra unha peseta, para que volva a saír, cómpre facer un expediente!
Deste xeito veredes o que vai de tempos a tempos. (...)»
VICENTE RISCO: O porco de Pé.

Ramón Otero Pedrayo nace en Ourense en 1888, xusto na mesma casa da rúa da Paz onde naceu Risco, veciño e amigo da infancia, e morre en 1876 aos 88 anos de idade. De orixe fidalga, o seu pai era un médico moi popular na cidade e nas terras de Amoeiro, pois ademais da casa de Ourense, a familia tiña un vello pazo en Trasalba, hoxe en día convertido na súa casa-museo. Otero Pedrayo cursou o bacharelato en Ourense e trasladouse logo a Santiago de Compostela a estudar filosofía e letras. De Santiago pasa a Madrid, onde ademais estudia Xeografía e Historia, acadando unha fondísima preparación intelectual: Baudelaire, Stendhal, Chateaubrieand... coñece a obras dos máis senlleiros escritores e pensadores europeos, máis non acaba de decidir o seu vieiro na vida.

En 1911 regresa a Ourense e participa durante esta década nos ambientes intelectuais da cidade, na que o grupo que el e máis Risco lideran tenta de marcar as diferencias a través da súa tarefa intelectual universalista, no coñecido cenáculo ourensán. En 1917 entra nas Irmandades da Fala. Para Otero Pedrayo, o nacionalismo é tamén unha descuberta, un novo horizonte onde desenvolver toda a súa capacidade intelectual.  A lingua galega, a cultura, a etnoloxía e, no caso de Otero, a historia e a paisaxe, serán a razón de ser da súa obra. No Seminario de Estudios Galegos encargarase da sección de Xeografía e Historia, coa tarefa de renovar o traballo de Murguía.

Na época da II República é elixido deputado a cortes pola provincia de Ourense en 1931 como membro do Partido Galeguista. A súa labor política centrouse na defensa dun estado federal e no estatuto de Autonomía para Galicia; porén, Otero non foi político por vocación, se non máis ben polas circunstancias de militancia política. Cando estoura a guerra civil é deposto da súa cátedra no instituto de Ourense e marcha para o pazo de Trasalba, onde viviría nun exilio interior na dura década dos corenta, xunto coa súa muller e a súa nai. Alí convértese nun símbolo da resistencia contra o réxime, sendo o primeiro autor que utiliza publicamente a lingua galega despois da guerra, en 1949.

Unha data moi significativa para a cultura galega foi a viaxe que realiza a Bos Aires en 1947, e que significa o encontro das dúas comunidades culturais, as do exilio “interior” e “exterior”. Como lle dixo Castelao: “abrazarte a ti é abrazar Galiza”.

Paseniño vai retornando a actividade pública. Nunca pediu regresar a súa cátedra ourensá, pois nunca pedira a baixa, así que oposita e gaña praza como catedrático de xeografía na Universidade de Santiago. Corría o 1950, e nese mesmo ano pasa a dirixir a Editorial Galaxia, traballando, dentro das posibilidades que se ían abrindo, na escolma e edición daqueles autores que escribiran e que escribían naquela altura en galego, daquela xa era considerado o grande patriarca das letras galegas. Pedrayo vai aglutinar, promover e aconsellar ás novas xeracións de escritores en galego, converténdose, con Piñeiro e del Riego, entre outros, nun dos grandes dinamizadores das nosas letras na segunda metade do XX.

Foi Otero Pedrayo un dos máis grandes oradores que viu nacer a nosa terra. Nos seus discursos, algúns dos cales foron recuperados en precarias gravacións, podemos albiscar a súa extraordinaria erudición e capacidade de expresión oral. E tamén de improvisación.

En 1959 regresa a Bos Aires, sendo recibido nunha agarimosa e multitudinaria homenaxe pola comunidade galega da capital arxentina. Pasa os últimos anos da súa vida na súa casa fidalga de Trasalba, sen chegar a abandonar nunca a súa fonda e extensa produción literaria e intelectual, ata que morre, xa coa democracia chamando ás portas da súa Galicia, en 1976.

A súa produción cultural foi amplísima e de grande calidade. Estamos diante du home dun fondo carácter liberal, un humanista de raigame cristiá, dotado dunha extraordinaria capacidade intelectual, vencellado ao nacionalismo galego e comprometido coa defensa dos dereitos históricos de Galicia. Para Otero Pedrayo, o pasado é un espello que reflicte o vieiro que debe tomar Galicia para o seu desenvolvemento, considerando o Antigo Réxime, idealizado por el, como unha  idade de ouro onde primaba o equilibrio social, e a arquitectura da época como un reflexo da grandeza da época.

Otero Pedrayo desenvolveu con éxito practicamente todos os xéneros literarios, sendo un dos máis sobranceiros ensaístas e narradores das nosas letras, e ficando nunha altura menor na poesía. Ademais foi un colaborador habitual na prensa galega da época.

No xénero de ensaio temos que destacar dúas das súas obras. En primeiro lugar o seu Ensaio histórico sobre a cultura Galega, cultura que el entende como a esencia do pobo e que recolle desde a súa historia, a súas expresións cultas e populares e a súa traxectoria artística, presentándonos unha Galicia “total” a través dos diferentes elementos da súa esencia nacional. Nela, Otero Pedrayo valora a época prehistórica vencellada a unha orixe celta, o pleno medievo co esplendor compostelán, e o século do barroco como as etapas máis gloriosas do noso pasado. E ademais déixanos unha reflexión sobre a necesidade de coñecermos e de valorarmos o noso pasado, como base para unha comprensión mellor do presente e do futuro, xa que como el deixou escrito «Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima». A outra grande obra ensaística é a súa monumental Historia de Galiza, el mesmo realizou o tomo dedicado á xeografía e dirixiu un proxecto amplísimo que supuxo a renovación da vella historiografía galega.

No tocante á súa narrativa imos destacar as tres obras que consideramos máis significativas dunha extensa carreira que se dilatou no tempo. Os camiños da vida é unha novela dividida en tres partes que gardan certa relación entre si. O fondo da novela é o deterioro de Galicia exemplificado na decadencia dos labregos e dos fidalgos, e a aparición da burguesía e da clase obreira como algo alleo a terra e que ven destruír a orde natural. Tamén destacou no relato curto. En O fidalgo aborda outra vez o tema da vida fidalga do século XIX e as súas contradicións froito dunha modernidade non asumida.

Seguramente a mellor novela que ten escrito Otero Pedrayo é Arredor de si, na que conta a historia de Adrián Solovio. Trátase dun personaxe con moitos matices autobiográficos, un home que anda perdido na procura dun horizonte intelectual que non atopa nin en Madrid nin en Europa, e que acaba por descubrir na súa Galicia natal, sendo ademais o mapa do territorio de Domingo Fontán e a paisaxe que ve tras a súa xanela o que termina de abrirlle os ollos. Sendo galego, foi como o personaxe acadou o seu horizonte intelectual.

«Por Galicia e na Galicia era Adrián europeo e planetario. Xa podía dirixir a súas frechas a un fito. Foi obra leda e rápida como toda liberación. Fíxoa pola meditación apaixoada servida pola experiencia dos ensaios fracasados, e pola amorosa descoberta da terra. Máis adiante Solovio compracíase en lembrar sen propósito pedagóxico, como exemplo e enseño para os máis, as etapas do seu itinerario da perfección. No decorrer dun ano fixo vairas viaxes: costa brava, algún mes en Santiago, no verán co caxato e morral andou a pé grandes anacos de serra, onde se demora sempre un recendo e unha elegancia de invernía. Deste xeito foi sentindo a historia vivente da Galicia e puido meditar a súa proxección no porvir (...)»
RAMÓN OTERO PEDRAYO: Arredor de si.

A cultura galega non ó limitaba, a cultura galega foi a que lle abriu infinitos vieiros. Na esencia da súa terra atopa Solovio o seu destino, o mesmo que  lle aconteceu aos membros da súa xeración, como nos aclara Vicente Risco:

«Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun soilo home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ao que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andivo todo o tempo dando voltas arredor de si cada un arredor de si mesmo sen atoparse endexamais de todo.»

Uns anos máis tarde que Risco e Pedrayo, concretamente no 1897, nacía en Ourense Eduardo Blanco Amor. Desde moi novo interesouse polo mundo do xornalismo na cidade das burgas, onde coñeceu a Risco, de quen foi alumno. A súa experiencia vital levouno, sendo aínda moi novo, cara a emigración en Bos Aires (1919) para exercer a súa profesión de xornalista, polo que non participou directamente en toda aquela actividade intelectual que bulía en Ourense na década dos 20. Porén, na capital arxentina realizará un importante labor intelectual xunto con outros galeguistas como Ramón Suárez Picallo ou Ramiro Isla, chegando a fundar unha revista escrita en galego chamada Terra, e sendo director da mítica revista Céltiga. Na década dos 20, en América, comeza a súa andaina literaria, publicando os seus primeiros textos en galego. Unha estancia dun ano en Galicia, como correspondente do diario arxentino La Nación, permitiulle contactar cos galeguistas e coñecer a Castelao; así, froito desta amizade, xurde a súa participación na revista Nós.

En 1933 regresa á península, esta vez como correspondente na capital do estado. Unha consecuencia desta estancia na Madrid republicana foi a súa amizade con Federico García Lorca, e a colaboración co poeta granadino nos seis poemas galegos que este escribiu.

Coa guerra, Blanco Amor volve a Arxentina, onde pasaría as seguintes décadas. Tardaría moito en volver a escribir en galego, ata mediada a década dos 50, mais o reencontro coa nosa lingua sería case máxico. En 1959 publica A Esmorga, unha das novelas de máis éxito da literatura galega contemporánea. A historia, ambientada en Auria (Ourense), cóntanos o que lles aconteceu a tres homes, o Cibrán, o Milhomes e o Bocas. Nunha mañá de inverno, deciden non ir a traballar e continuar a festa. É unha novela onde o elemento líquido resulta determinante para o decorrer dos feitos. A choiva invítaos a poñerse a cuberto nas tascas, onde será outro líquido, o viño, o que corra dabondo, ata que o final chegue a traxedia. A linguaxe popular, a orixinalidade da historia, a modernidade da estrutura e do estilo, e a mestura de drama e humor convértena nunha obra única das nosas letras.

 (...) - Cuantos cartos tedes?, preguntou Xanciño. Eu non tiña coasi ren, pois déralle todo o xornal á raxada.
- Eu teño dez pesos, e vámolos foder todos esta noite, dixo fonchoso, o Milhomes.
- A min quédanme catro ou cinco.. pro témola que seguir, que sobran de abondo . argallou o bocas.
- Eu voume pra a miña casa, pra a casa damiña nai- respondinlles; qué esa era a verdade pois eu non tiña mentes de seguir facendo falcatruadas, que bastante tíñamos feitas.
- Seica estás tolo! Cos líos que temos armado, onde primeiro te buscarán será na casa da raxada ou na da túa nai. Pensas que son parvos!, dixo o Bocas. ímola seguir e mañá será outro día.
- A min nada teñen que me apoñer nen por qué precurarme, que eu nada fixen nen me metín con ninguén.
- E quén guindou o quinqué que puxo lume no pazo?
- Esbaroume da mau... Non o fixen adrede. Que sabía eu que ía estoupar daquil xeito, como si fose unha bomba, nen que culpa teño eu de que a leñeira estivese alí tan perto? Vaia, coño...! (...)»
EDUARDO BLANCO AMOR: A esmorga. Galaxia, Vigo 1975 (3ª edición)

Ademais de A esmorga, Blanco Amor escribiu Xente ao lonxe, outra novela ambientada na Ourense de principios do século XX, na que a través da historia dunha familia de clase obreira, podemos albiscar as diferencias sociais da urbe naquela altura.

Blanco Amor sempre sentiu unha grande paixón  polo teatro. De feito, en Bos Aires, creou o Teatro Popular Galego, que representou na capital arxentina moitas das obras dos nosos mellores dramaturgos. Tamén foi creador neste xénero, con obras como Teatro prá xente (1975). Cómpre subliñar, por outra banda, a súa calidade como escritor de contos dirixidos para o público infantil e xuvenil. Na súa obra sobranceira neste eido, Os biosbardos, a través de oito contos contados en primeira persoa por nenos, recrea diferentes escenarios da Auria da súa infancia.


En 1965 Eduardo Blanco Amor, un dos máis grandes escritores en lingua galega, regresou a Galicia, onde permaneceu ata a súa morte en Vigo no ano 1979. O seu corpo está soterrado no convento de San Francisco, na cidade que con tanto agarimo retratou na súa obra.

Ourense seguiu sendo berce de escritores durante décadas, pois alí naceron, tamén, Carlos Casares e Xosé Luís Méndez Ferrín. Carlos Casares criouse en Xinzo da Limia, porén, a cidade de Ourense deixou unha fonda pegada na súa obra literaria. Na súa novela titulada Ilustrísima (1980), narra a polémica da chegada do cinematógrafo a unha cidade do interior de Galicia, nomeadamente Ourense, fenómeno que vai desatar unha grande polémica no bispado da cidade, e na que cada quen vai quedar retratado. A novela recolle o ambiente de principios de século e as disputas políticas dentro do sistema de quendas da restauración. Ilustrísima supón un cambio de ciclo na vida literaria de Casares, a través da cal abandona a literatura de vangarda para asomarse ao realismo. Ademais desta obra, Casares deixounos outros grandes exemplos da súa capacidade creadora, con obras da categoría de Deus sentado nun sillón azul (1996), Vento ferido (1967) ou Os mortos daquel verán ( 1987). Ademais, foi moi importante o seu traballo como columnista en La voz de Galicia, e na dirección da Editorial Galaxia.

Rematamos a clase coa figura de Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos nosos mellores poetas e tamén narradores, ademais de ser o gran renovador destes dous xéneros. Nacido en Ourense no ano 1938, aos vinte anos forma o grupo Brais Pinto en Madrid, xunto con outros estudantes galegos, na que sería a primeira de moitas iniciativas culturais.Tería un periplo de formación por Europa e despois regresará a Galicia, implicándose nos movementos políticos nacionalistas e de resistencia contra o réxime de Franco, o que lle custou a cadea. Ademais continuou dedicándose a docencia, ao xornalismo e, sobre todo, a unha moi brillante carreira no mundo das letras.

É un escritor sobranceiro na poesía, xénero no que se amosa como un dos principais renovadores. A súa obra Con pólvora e magnolias, é unha das grandes referencias da literatura galega moderna. Supón redescubrir a linguaxe poética desde unha visión máis moderna, tamén íntima e persoal, sen renunciar ao compromiso ético e a función social. A dimensión estética e os recursos literarios multiplícanse, abrindo unha nova xanela cara os creadores modernos en verso.

Señoras do pasado
 «E quíxenvos moi tristemente a todas
as que forades rapidamente eu (un pouco).
Unha lus nos lugares do estremecemento
e tardes coma rodas de bronce, interminábeles.
Poderosas mañáns de rexurdimento e ollos no chao, de amor outido.
E quíxenvos moi escasamente a todas
porque nas regandixas de eu caben ourizos e sofrir é amor
e nada para o tempo que destrue os ourizos.
E quíxenvos (queréndome) coma un río que fose
dos meus ollos a vós, as tidas e perdidas,
limítrofes do amor, esquencidas pra sempre.
E quíxenvos autente, e case non vos quixen
antre tanto artefauto, construcción, mala pedra,
que nos ten envisgados
nas cousas, coma lentos navíos que mainamente esbaran.
Chamo por vosoutras, nomes apenas tatuados
no baleiro e no fume, e reclamo ese espacio
que deixáchedes e que cecais é globo (de lume e desespero).
Señoras do pasado, damas investigadas a través dos ensoños
sobre cabalos nidios, inmóbiles no outono de antano,
sen bris mesmo, 
merci por un crepúsculo, ou acaso algún beixo,
ou polos poderosos erguementos do sangue,
ou por sorrisos líquidos a carón da magnolia.
Quíxenvos lenemente, e mesmamente fúchedes
capaces da captura dun anaco de sombra de min,
e fiquei menos.
Inútil esta ollada por derriba do tempo que me outorga silencio,
escamas, arruínas, borralla, meus ronseles.
Quíxenvos fuxidío, oh amigas de antonte,
meu espantoso espello neste solpor que vence.»
X. L. MÉNDEZ FERRÍN: Con pólvora e magnolias,
 

Dentro da narrativa, a obra de Ferrín posúe tamén unha extraordinaria calidade. Neste ámbito, o ourensán practica diferentes rexistros, que van desde a literatura fantástica (Amor de Artur, Arnoia Arnoia), pasando polo compromiso social e político (Retorno a Tagen Ata), ata unha literatura máis vencellada a identidade comunitaria  (Arraianos). A súa obra é considerada por algúns especialistas como un macrotexto, debido ao reencontro con escenarios e personaxes xa coñecidos bas súas diferentes obras. Nela reúnese o fantástico e o común, o onírico e o real, a loita e a violencia, heroes e anti-heroes, e unha multiplicidade de escenarios xa coñecidos, ou ben creados polo propio autor. Ferrín acada con estas obras un altísimo nivel, sendo un dos escritores fundamentais na nosa lingua, feito que lle foi recoñecido a través de numerosos premios, ademais da súa recente elección como presidente da Real Academia Galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario