Páginas

27.4.11

A GALICIA DA MONTAÑA

Galicia é un país que posúe unha gran variedade xeográfica, feito que se reflicte no relevo, nos chans, no clima, e na biodiversidade. Así explícase a variade de paisaxes que o visitante se atopa cando se achega á nosa terra. Dentro deste abano de realidades xeográficas, hoxe imos centrarnos nas paisaxes de montaña. As montañas galegas caracterízanse, en xeral, por ser suaves e arredondadas, e pon non acadar grandes alturas, aínda que na parte oriental do país, Ancares, Courel e Serra do Eixe forman unha fronteira natural que durante anos dificultou as comunicacións entre a meseta e Galicia.

Viaxando por Galicia do occidente cara o leste atopamos unha serie de conxuntos de elevacións que, de norte a sur, dividen o país en dúas metades. Este sistema, coñecido como dorsal central, inflúe nas condicións microclimáticas das comarcas galegas. Este conxunto de elevacións rematan, no norte, xusto á beira do mar, conformando algúns dos acantilados máis altos e fermosos das costas europeas, entre Bares e Ortegal. As serras da Faladoira e de Xistral no norte, a Serra da Loba e a Serra da Cova da Serpe que protexen a chaira luguesa, a Serra de Faro que cruza as terras do Deza, os Montes do Testeiro e a Serra de Suído na Terra de Montes, e a serra do Xurés na baixa Limia conforman este conxunto de elevacións que se caracterizan por ser lenes, baixas, húmidas e frescas, e que se amosan incapaces de deter o avance das frontes atlánticas cara as provincias de Lugo e  Ourense.





Nestas elevacións centrais o home viviu e conviviu sen problemas, favorecido pola existencia de vizosos vales e abas pouco fondas propicios para o asentamento de comunidades humanas. Castros, castelos, ermidas e santuarios foron construídos nos cumios destas serras durante séculos, evidenciando as diferentes etapas e sociedades da historia de Galicia.

Como comentabamos con anterioridade, cara o leste do país atopámonos cunha paisaxe de montaña máis acusada, con elevacións que superan en ocasións os 2.000 metros de altitude, como é o caso de Pena Trevinca, punto máis alto da nosa xeografía. Ao norte, a Serra de Meira é a máis baixa destas elevacións, comunicando Galicia con Asturias a través da vesdescende comarca do Eo e de Oscos. Alí mesmo nace o Miño, pai da xeografía galega. Máis ao sur da provincia de Lugo temos os Ancares e o Courel, que xunto coa serra do Eixe e o macizo Central na provincia de Ourense conforman a máis orixinal paisaxe de montaña da nosa terra. Precisamente por isto, centrámonos hoxe nesta clase nos Ancares e no Courel.



Ao longo do tempo, e a pesar da hostilidade do clima de montaña e das dificultades nas comunicacións, as diferentes sociedades foron establecéndose na montaña por diferentes razóns. Estes asentamentos humanos reflíctense no patrimonio histórico creado polos nosos antergos e que hoxe en día conservamos. Algo ten a montaña, un certo atractivo para as comunidade humanas, unha certa sensación de seguridade, acompañado polos medios suficientes para a supervivencia. Esto provoca que desde a prehistoria os montes galegos, máis cara o cumio ou máis na base,  estivesen poboados. Nos últimos anos, moitos dos traballos arqueolóxicos que estudan as primeira ocupación humana en Galicia estanse a centrar nesta área xeográfica. Sábese, grazas as testemuñas arqueolóxicas que se están a atopar nestes anos, que hai máis de dez mil anos os grupos de cazadores recadadores xa ocupaban estas comarcas do Courel e dos Ancares. O mesmo sucedeu, andando moito no tempo, coas poboacións megalíticas e castrexas, cuxo legado arqueolóxico conservamos hoxe en día en lugares como Santa María do Castro, en Cervantes.

Os romanos tamén deixaron a súa pegada na montaña galega. O seu interese era abrir vías de comunicación cos outros territorios e provincias da Hispania; como sucede co túnel de Montefurado no Courel, obra de infraestrutura mineira, que fica como paradigma da capacidade humana para crear infraestructuras que superen as barreiras xeográficas. As obras de enxeñería romanas nas montañas galegas, con case dous mil anos de antigüidade, son unha boa mostra e de que o abandono e illamento que sufriu a  montaña galega non foi debido exclusivamente ás dificultades técnicas, senón máis ben ao desleixo dos diferentes poderes e autoridades ao longo do tempo.

Andando no tempo, nos séculos centrais do medievo, a relevancia acadada pola ruta xacobea fixo que milleiros de persoas que proviñan de toda Europa tiveran que atravesar aquela terra brava para chegar ao país de Santiago. O Cebreiro convértese xa nesta altura no punto de paso cara Galicia desde o camiño francés. Cómpre destacar, polo tanto, algúns elemento do patrimonio artístico como a Igrexa de Santa María a Real, de orixe medieval, e como non, o cáliz que alí se garda, icona que está representada no noso escudo, e que permitiu desde o eido das lendas se incluíse a nosa terra dentro do ciclo artúrico da procura do santo graal.

No medievo, sobre todo nos últimos séculos,  Galicia inzouse de castelos e fortalezas, símbolos do poder feudal e tamén centro de operacións daquelas pillaxes que desembocaron nas revoltas irmandiñas. Na montaña luguesa temos algunhas mostras destas arquitecturas, edificadas, como é lóxico, en lugares de difícil acceso na procura de seguridade. En Navia de Suarna (castelo pertencente aos Altamira), en As Nogais (Torre de Doncos) e en Cervantes (Castelo de Doiras) temos exemplos destas fortalezas medievais que ao final non resultaron tan difíciles de derrubar como semellaban. Porén, se conservamos algo valioso desta paisaxe de montaña, á marxe d e igrexas, castelos edificios senlleiros, é o patrimonio etnográfico que nos ensina como viviron as comunidades galegas de montaña, formadas por familias de labregos,  naquel illamento xeográficos ata hai poucas décadas.


A casa é a base da sociedade rural tradicional galega, organizada en base a familias extensas que incluían a pais, avós, irmáns, sobriños, etc. Nos Ancares temos un tipo de construcción única: as  pallozas. Estas  presentan unha tipoloxía diferente, propia e diferenciada, cun alto valor etnolóxico. Ollando unha palloza e un castro, vemos como as similitudes no tipo de vivenda son extraordinarias. Así, chegamos a comprender como a orixe da palloza está nas sociedades castrexas, e podemos valorar que aquel tipo de vivenda tivo un deseño tan efectivo na adaptación ao medio, que sobreviviu no tempomáis de dous mil anos.

A palloza é unha vivenda preparada para resistiren dentro, case sen saír cara o exterior, toda a invernía da montaña, procurando gardar a calor e protexerse do frío e a neve. A palloza ten planta oval, está feita de pedra e con teito cónico de palla de centeo, e non ten xanelas (só cuns pequenos ocos doados de taponar e unha porta). Ten o tamaño suficiente para albergar a unha familia extensa e ao gando, que comparten este espazo. A casa está dividida por un corredor transversal chamado astrago, que da acceso a varias estancias: alcoba, cociña, cortes, barra, cortello, porteleira... As pallozas foron desaparecendo e hoxe en día consérvanse como elemento patrimonial. Xa ninguén habita nelas, pero podémolas visitar e albiscar como eran as condicións de vida nelas, como na Casa de Sesto en Piornedo.

Dentro da palloza o inverno facíase longo. Durante a dura invernía, sempre silandeiras, estas pallozas fumegaban e gardaban á xente que agardaba con paciencia e temos a chegada da primavera. O inverno era tempo de supervivencia. Ademais, cumpría ter cousas que facer, oficios como teares, carpintería ou cerámica. Para o lecer estaban as Polavilas, que eran xuntanzas que se facían dentro destas edificacións estre todos os veciños. A carón do lume da lareira cantábase e contábanse historias e lendas destas terras, onde abondan as crenzas en elementos sobrenaturais, como a Santa Compaña, e onde o lobos e osos son protagonistas de tráxicas historias case sempre mitificadas.

Ademais da pallozas, nos Ancares e no Courel proliferaron os pequenos grupos de aldeas, moitas delas illadas, onde viviron e aínda viven comunidades de labregos adaptados á dura vida de montaña. Son pequenos núcleos de casas con teitos e muros de xisto, practicamente penduradas das abas dos altos montes lugueses. Moitos deles ficaron abandonados e só uns poucos están sendo recuperados como centros turísticos onde conservamos moi bos exemplos da nosa arquitectura tradicional.



A xente da montaña foi modelando unha idiosincrasia especial. O illamento, o atraso económico, a miseria, a enfermidade, a economía de subsistencia, as arelas duns dereitos básicos dos que carecían acompañaron a unhas familias que aínda nos anos sesenta vivían case na idade media. Con todo, a vida na montaña era ben sinxela. A gandería e a leira eran os núcleos da actividade económica. As feiras de Navia ou de Becerreá daban saída a súa pequena producción agrícola, e lles facilitaba facerse con aquelas cousas necesarias das que carecían na montaña. Chegar a estas feiras cos productos a vender e os animais, igual que ir a facer un trámite ou ao médico, era unha auténtica odisea que necesitaba dunha grande planificación. Os nenos dedicábanse a traballar no pastoreo por tempadas, quedando a durmir soíños na montaña durante semanas na primavera, e as escolas, ademais, pechaban todo o inverno. A dura vida da montaña creou uns lazos de solidariedade moi fortes nestas comunidades, a axuda mutua era fundamental para sobrevivir nunha sociedade que no  se podía permitir o luxo de alimentar ciumes, xenreiras e envexas cara a un próximo do que decote dependías.

En 1968 unha expedición (daquela ir aos Ancares era case como ir hoxe en día ao Himalaia) formada polo xornalista Enrique Arce, polo etnólogo e prehistoriador Xosé Manuel Vázquez Varela, e por tres estudantes de medicina, penetrou nos Ancares ata  a aldea de Donís para permanecer unha semana. Alí descubriron a unha xente que podería ser feliz noutro tempo,  se non vivise abafada polo coñecemento dun progreso que a eles lles estaba vedado. Aquela experiencia quedou reflectida nos artigos escritos por Enrique de Arce en El Ideal Gallego, e recentemente no libro Os Ancares. A serra esquencida.

«Pola rota da feira marcha en fila un grupo de ancareses portando pesadas cargas. Non senten vértixe cando camiñan indiferentes á beira de profundos precipicios, moi abundantes no tramo da Degrada. Xunto deles vai inquedo, arquexante, un can de res, fiel amigo do home, adulterado por mil cruzamentos. e van tamén, paso a modiño, varios xatos que os montañeses levan a vender á feira.

A partir de Os carballiños a pista ponse pina ata o porto. OS pasos lisos cóntanse cos dedos dunha man. Diante van os homes: charlan e fuman; detrás as mulleres: saias e medias negras; xersei, mandil e pano negro; paraugas negro carbón. Detrás van refogando as mulleres, deténdose ás veces debido ao esforzo que esixe a subida pola dura pendente.

- Esperade! Un alento! –grita unha delas
O grupo detense un momento, pero reinicia axiña a marcha xa que hai que chegar puntual á parada do autobús

Alborece.... As oito da mañá debe estar o vehículo en Degrada (...)»
ENRIQUE DE ARCE; OS ANCARES, A SERRA ESQUENCIDA(p.22)



Como non queremos rematar a clase co sabor agridoce destas comunidades de grande valor etnográfico, pero de vida ben miserenta, imos lembrarnos agora do poeta Uxío Novoneyra, nacido en Parada de Moureda, no Courel. Foi un grande anovador da lírica en galego, e, sobre todo, o que mellor lle cantou a nosa paisaxe. En Os Eidos faille unha homenaxe á terra, as aves, as árbores, aos montes, as casas desa paisaxe que desde neno, no seo da súa familia labrega, foi aprendendo a queres e admirar, ademais faino coidando moito a formas literarias, facendo obras de grande calidade poética. Na obra de Uxío Novoneyra temos resumido esta marabilla da natureza que é a montaña galega, malia a que moitas veces fose un hábitat que provocou unhas condicións de vida duras para aqueles galegos e galegas que ousaron e aínda hoxe en día se atreven a vivir alí:




 ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas.

Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia/por Vilarrubín
a Ferramulín/pasados Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado/
hastra a Boca do Couto i a Parada.

Por Savane á Pedra nova remontada
cruzando o Courel de lado a lado.
E por Lóuzara/Padrocelos de Martín
trovador/hastra Samos. Retomado
o Camiño tra-la corta rodeada.
UXÍO NOVONEYRA, Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas

14.4.11

A MÚSICA GALEGA A TRAVÉS DA HISTORIA

Na clase de hoxe achegámonos á cultura musical galega, facendo un percorrido que non levará desde a antigüidade ata os  nosos días. A música e o canto son expresións fundamentais do ser humano, non coñecéndose sociedades na historia que non posúan expresións musicais dentro do seu acervo cultural. Cada pobo, cada cultura, ao longo do tempo, foi creando e transformando a súa propia forma música e danza, pois a música alimenta o espírito e serve para expresarse tanto individual como colectivamente.

En Galicia temos unha tradición musical moi longa, que abrangue desde a antigüidade ata o século XXI. Ao longo de todo este tempo ímonos atopar con elementos autóctonos, unha moi rica música con raigame galega, e tamén coa progresiva asimilación da internacionalización dos estilos musicais.É dicir, galicia como produtora de música propia, e tamén como receptora de influencias e de estilos que crearon outros.

Como comentabamos, todos os pobos teñen a súa propia cultura musical. En Galicia é sabido, grazas ás fontes clásicas, que os castrexos entoaban cánticos, tocaban diferentes instrumentos e facían danzas rituais (segundo Estrabón, nas noites de lúa chea). En asuntos como a música comprobamos a escaseza de testemuñas que temos para comprender o comportamento cultural daquelas sociedades; porén, o estudo das sociedades primitivas actuais, en África, América ou Oceanía, amósannos como a música e a danza están na esencia e no día a día destes pobos, a nivel formal nos ritos, e a nivel informal acompañando as actividades laborais e o tempo de lecer. Segundo os antropólogos, nas sociedades prehistóricas a música acadaría unha gran importancia nos costumes e ritos das xentes. Nas fontes latinas rastrexamos a danza, o canto, a música dos castrexos:

«Tomán as súas comidas sentados, en bancos construídos arredor das paredes, situándose segundo a idade e a dignidade; a comida vaise pasando en roda. Mentres beben bailan en círculo ao son da flauta e corneta e tamén saltando e axeonllándose» [Estrabón, III, 3, 7]


«Homes aos que lles gusta cantar cancións rudas na súa lingua nativa, ou ben golpear alternativamente o chan cos pés nas súas danzas, e tocar acompasadamente sonoras cítaras» [Silio Itálico]
En, Mª PILAR ALÉN: Historia da música galega. Cantos, cantigas e cánticos. A Nosa Terra, Vigo, 1997

Galicia, malia a súa posición periférica e a súa condición de finisterrae, sempre estivo aberta á influencia cultural doutros pobos, que deixaron unha fonda pegada no noso territorio, como é o caso do imperio romano. No eido musical a romanización tamén tivo a súa influencia, aínda que as fontes non son moi precisas, igual que non o son respecto á musica da alta idade media. Sabemos da importancia que lle daban á música dentro das culturas clásicas; o feito de que non se atopen restos de teatros romanos en Galicia non significa necesariamente que aquí lle deran menos importancia ás representacións públicas (que incluían espectáculos de danza e música, dentro das funcións teatrais) que noutros lugares do Imperio.

Desde a cristianización da Gallaecia, sabemos que a música acompañou aos ritos relixiosos, aínda que pouco se sabe da liturxia dos primeiros séculos da tradición cristiá na nosa terra. Os xudeus xa cantaban os salmos, e de seguro que os paleocristiáns adoptaron este costume. A este feito hai que lle engadir o canto de himnos, costume que debeuse orixinar nos primeiros tempos da crisitanización. A música está, desde o primeiro momento, moi ligada á cultura cristiá, sendo a Igrexa unha gran productora de cultura musical tamén en Galicia. Como sabemos, os monxes cantaban, e algunhas comunidades facíano de xeito brillante. Galicia foi unha terra rica en mosteiros e debeuno ser tamén en cantos monacais.

Na alta idade media rexístrase o uso de gaitas en Galicia, aínda que non se pode asegurar que a súa orixe estea aquí na nosa terra, tese que por outra banda si que sosteñen algúns especialistas no estudo da historia da música galega. Sexa como for, o uso da gaita vai ser unha constante na música galega desde o medievo, como nos amosan as fontes artísticas. Será o instrumento de referencia xunto coa zanfona, e aparecerá representada na iconografía en libros e igrexas medievais. Máis adiante falaremos dela.

Códice calixtinus
Nos séculos centrais da idade media aparecen as primeiras notacións musicais, feito que reflicte a intención, a necesidade de codificar e de espallar os coñecementos musicais. A música, ademais de expresión popular, pasa a ser unha disciplina artística, unha expresión “culta” e requintada. A Igrexa ten moito que ver neste proceso, sobre todo en Galicia co esplendor do camiño de Santiago. A música convértese, nesta altura, en polifónica, engadíndose o son de varias voces e instrumentos a un tempo. O canto gregoriano espallouse polo territorio e foi perfeccionado. Estamos falando do proceso de creación da música tal e como a entendemos agora, diferenciándose dúas fases, a composición e a interpretación:

«A polifonía converteuse pouco a pouco nunha técnica de composición tanto para a música sacra como para a profana. É dicir, a música foi, desde entón, froito dun proceso creativo dun autor que, tras aplicar uns criterios determinados e despois dun estudio e dunha elaboración persoal dos elementos da música –é dicir, compoñía- unha peza musical propia, persoal» 
Mª PILAR ALÉN: Historia da música galega. Cantos, cantigas e cánticos. A Nosa Terra, Vigo, 1997 (34)

O "organistrum" do Pórtico da Gloria
 A música sacra era interpretada en latín. Dos séculos centrais do medievo conservamos unha serie de códices que nos serven de fontes para coñecermos mellor a música daquela etapa da nosa historia. Entre estes documentos senlleiros destacamos o Libro de Horas de Fernando I e, sobre todo, o Códice Calixtino, obra clave para entender a música medieval, debido a que recolle o desenvolvemento das celebracións relixiosas na catedral de Santiago na honra do apóstolo. Este último resume a grande cultura musical que abrollou en Compostela no momento álxido das peregrinacións europeas. O Pórtico da Gloria, co seu coro composto polos anciáns do apocalipse portando instrumentos é o fermosísimo exemplo desta cultura musical galega no medievo, alén dunha fonte de incalculable valor para coñecer os instrumentos da época (lembramos que a Fundación Barrié promoveu a reproduCción dos instrumentos do Pórtico, que incluso foron utilizados para interpretar algunhas pezas de orixe medieval). Fídulas, salterios, arpas e o organistrum (que non é outro instrumento que a tradicional zanfona galega, cuxa orixe remóntase a estes tempos) forman o conxunto instrumental do pórtico, porén non está constatado que na liturxia da época na que o Mestre Mateo creou a súa magna obra se utilizasen tales instrumentos na música relixiosa da catedral.

Por outra banda, na lírica trobadoresca galego-portuguesa da idade media, as famosas cantigas de amigo, de amor e de escarnio ou maldicir, temos un dos cumios non só da literatura, senón tamén da música europea do medievo,  sendo, sen dúbida, un dos tesouros máis prezados do noso patrimonio cultural. As cantigas medievais están compostas para seren interpretadas a través da música e do canto, malia a que as veces se segue a pensar nelas só como poemas. Nas cantigas aparecen reflectidos as arelas, melancolías, tristuras e ledicias do home e da muller, que interesaron a todos os estamentos sociais da época. De feito, a través dos xograres e trobadores, toda a poboación foi consumidora deste xénero literario-musical, aínda que era nos castelos dos señores feudais onde se trobaba a cotío, polo que podemos afirmar que a lírica galega do medievo non acadaría o seu nivel de excelencia se non fora polo apoio e mecenado que tivo por parte da aristocracia. A arte de trobar sería unha actividade propia do lecer da aristocracia, polo menos na súa versión intelectual. Nas cortes e nas casas dos nobres era unha actividade habitual contar cun trobador que cantase e aledase as veladas.

Cantigas de Martín Códax
Fundamental vai resultar o feito, tamén, de seren escritas na lingua galego-portuguesa, daquela aínda non escindida en dous idiomas diferenciados. Son desta época as primeiras figuras individuais da nosa música, como Martín Códax, Paio Gómes Chairinho, Ayras Nunes,  Xohán Airas de Santiago, Pero Meogo, Meendinho, Pedro Rodrígues de Palmeira... E entre eles, unha muller, María Balteira.

Xograres e trobadores dedicábanse a cantar estas composicións, aínda que  os dous gremios teñen as súas diferenzas. Os xograres serían intérpretes de textos alleos que actuaban diante do pobo, nas prazas e nos espazos públicos, e que cobraban polo seu traballo. Os trobadores compoñían as súas propias cantigas, tiñan formación en música, retórica e gramática e a súa orixe social era a nobreza secundaria. Por certo,  a súa orixe nobre lles impedía obter ‘don’ algún por amosar a súa arte aos demais.

Compostela sería, como gran centro cultural, un núcleo de atracción de moita importancia no medievo, o que provoca que a través do camiño chegase a Galicia o influxo cultural de alén dos Pirineos. A influencia da lírica occitana é evidente, aínda que as cantigas galaico-portuguesas non serían unha copia desta, se non que terían un desenvolvemento autóctono e unha personalidade propia independente da poesía medieval doutras latitudes. Hoxe en día coñecemos as cantigas grazas aos textos onde se conservan recollidas. En concreto falamos de tres grandes cancioneiros: O Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Vaticana. Ademais destes tres grandes documentos, e sobre todo no tocante ao aspecto musical das cantigas, destacamos o Pergameo Videl, onde aparecen as cantigas de Martín Códax coa súa correspondente notación musical, e o Pergameo Sharrer, que contén sete cantigas de amor compostas polo rei portugués don Dinís coas súas notas musicais.

Órgano da Catedral deTui
Os séculos escuros, nos que a lingua, a cultura, a personalidade histórica e xurídica galega fica nun segundo plano, abafados polo imperio e a coroa española, son case os séculos de ouro na evolución da música europea. A música culta vaise desenvolver nesta etapa en Galicia en relación coa Igrexa (a alta nobreza e a monarquía, noutrora consumidores de música "culta" ficaban desta volta ben lonxe), interpretada con especial habilidade e talento na catedral de Santiago. Conservamos algúns misais e outros documentos que fan referencia a esta cultura musical, na que non albiscamos diferencias coa música doutros lugares dos reinos hispanos.  Na era barroca, a Catedral compostelá muda de faciana; este esplendor reflíctese tamén na música que soa no tempo. A elección do mestre de cerimonias do templo trouxo a Compostela a mestres de fóra de Galicia que foron introducindo as novidades que se producían no panorama musical europeo. Do século XVIII conservamos órganos que son auténticas xoias do noso patrimonio, como os da Catedral de Santiago, Catedral de Ourense, Catedral de Tui e Xunqueira de Ambia.

Por outra banda subliñamos que foi no século XVIII cando se representaron as primeiras óperas en Galicia. Na Coruña ergueuse o primeiro teatro de ópera, no ano 1768, e en Ferrol o segundo, un ano máis tarde. Estas composicións eran de inspiración italiana, moitas veces interpretadas por compañías de orixe portuguesa procedentes do Porto e Lisboa. Comezábase a rachar así o monopolio da Igrexa na producción e interpretación de música “culta”.

Avelino Cachafeiro
A introdución no país da música dirixida as capas altas da sociedade civil marca o principio da fin dunha época. A partir do segundo tercio século XIX a promoción, producción e interpretación da música muda, moitas veces animada a través de asociacións, casinos, escolas filharmónicas, escolas de música, etc. A formación vai ser fundamental para acadar as competencias suficientes para desenvolver unha carreira neste eido.

Chegados a este punto, cabería preguntarse: que pasara coa música popular? A gaita, a zanfona, o tambor, o canto popular, ese que xurde do pobo case de xeito espontáneo, que se transmite de xeito oral,sobrevivira durante séculos nunha sociedade galega de base agraria onde as festas, nas que a música sempre foi unha parte fundamental,  marcaban o calendario e o transcorrer do tempo. Co Rexurdimento da nosa cultura, na segunda metade do século XIX, asistimos a unha recuperación e valorización da nosa música autóctona. Lembremos que a música popular, aquelas cantigas de temas cotiás cantadas de xeito informal, acompañaron sempre, desde tempos ancestrais ata hoxe mesmo, a vida dos homes e galegos do campo e do mar. Un exemplo desto son os cantos que acompañaban á seitura.

A figura do gaiteiro na romaría, o cego coa zanfona, o tamborileiro, a foliada, a ruada, a muiñeira, a xota... toda esa música popular galega foi valorizada. Moitas veces os gaiteiros convertíanse en músicos profesionais que acadaban certa sona máis alá da súa bisbarra. Este patrimonio cultural ligado ao noso folclore, e que resiste vizoso hoxe en día a través de centos de agrupacións de bandas, que se espallaron máis alá das nosas fronteiras grazas ao labor das asociacións de emigrantes, constitúen un dos sinais de identidade máis puros e fortes da cultura galega, moi ligados, por certo, ao traxe e a forma de vestir tradicional.

Ilustración de Castelao
A música popular galega foi, en moitas ocasións, unha cuestión de familia, herdándose a tradición musical.  Este é o caso do gaiteiro con máis sona na Galicia do século XX, Avelino Cachafeiro, convertido nun mito da música tradicional galega. Antes da guerra civil percorreu Galicia e as terras da emigración tocando xunto cos seus irmáns, formando o grupo dos Gaiteiros de Soutelo de Montes. No ano 1925 Avelino gañou un certame celebrado en Compostela e foi nomeado mellor gaiteiro de Galicia, nun evento de grande relaevancia naquel tempo, no que participaban como espectadores e xurado os nomes máis destacados da xeración Nós. Chegaron a gravar moitas das grandes pezas de música galega tradicional, como A muiñeira de Chantada, a Alborada de Rosalía... Así referíase o de Terra de Montes ao seu amor cara a gaita, e a posibilidade de que se perdera a tradición musical: "O que non se pode é esquencer a nosa ialma, a nosa máis pura manifestazón; e o que da door e notar como, pouco a pouco, a gaitiña vai morrendo. Cando en Galiza a gaitiña seña como a zanfona é agora, nós xa non seremos galegos. Seremos fillos sin nai, seremos... ou millor dito, xa non seremos ... ¿Que e un corpo sin ialma?" . Afortunadamente a gaita non se perdeu en Galicia. A través das numerosas bandas que agroman por todo o territorio, e tamén a través do labor de compositores e intérpretes como Carlos Núñez, Cristina Pato, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño... vive unha etapa dourada, grzas a un elenco musical de enorme talento que son quen de interpretar as raíces da nosa música, modernizala sen deturpar a tradición, e internacionalizala, conquistando os oídos e a alma de melómanos de todo o mundo.

Pascual Veiga
Por outra banda, cómpre salientar que desde a segunda metade do século XIX existiu en Galicia un interese por intelectualizar a nosa música popular. Pascual Veiga, Marcial del Adalid, Chané ou Andrés Gaos son algúns dos  nomes máis destacados dentro da composición galega. Moi influenciados polo movemento rexionalista, e ao calor do romanticismo, recuperan a tradición musical galega e a incorporan ás súas composicións “cultas” (como por exemplo fixera Chopin coa música da súa Polonia natal).

Este é o caso de Marcial del Adalid, entre cuxas composicións destacamos Cantares viejos y nuevos de Galicia (1877). A figura senlleira deste grupo e Pascual Veiga, nacido en Mondoñedo no ano 1842, e autor das dúas pezas musicais do xénero máis importantes e recoñecidas como foron a Alborada galega e a música do Himno galego. O compostelán José Castro González, coñecido como Chané, foi outro destes músicos destacados do panorama galego. Foi director do Orfeón Coruñés e máis tarde da coral El Eco, coa que acadaría moita fama alén das nosas fronteiras. Con posterioridade emigraría a Cuba, onde vai dirixir na Habana o orfeón Ecos de Galicia. Na capital cubana vai unha foda amizade con Curros Enríquez, de quen chegaría a musicar algúns dos seus poemas como Unha noite na eira do trigo. O coruñés Andrés Gaos (1874) desenvolveu ao longo da súa vida unha brillante carreira musical como intérprete e compositor, que lle levou entre outros lugares a París e Arxentina. Gaos foi o músico galego máis importante e recoñecido fóra de Galicia. Aínda que non foi un dos seus temas de referencia, entre as súas composicións ten varias pezas inspiradas en Galicia e na Poesía do Rexurdimento, como Rosa de Abril, baseado no poema do mesmo nome  escrito por Rosalía de Castro no seu Follas novas.

Outra importante tradición musical galega é aquela que representan os coros, orfeóns e agrupacións, que desde o século XIX abrollan por todas as cidades e vilas galegas. Entidades como o Orfeón Coruñés, a Coral El Eco, Aires da Terra, Toxos e Frores, Cantigas da Terra ou  Ruada interpretaron ao longo da súa historia todas aquelas cantigas populares que os galegos e galegas herdaran dos seus devanceiros.

Coral de Ruada

A historia do século XX foi testemuña de como a cultura musical mudaba de xeito radical a súa faciana. Os diferentes xéneros conviven e sucédense, a música convértese nun fenómeno de masas. En moitos casos, incluso, a propia  música que escoitamos defínenos como persoa. En Galicia van penetrar os diferentes estilos artísticos, destacando sobre todo intérpretes individuais que deixaron a súa pegada na canción galega a través de estilos diferentes.

Andrés do Barro
O colectivo Voces Ceibes foi un grupo que recuperou a lingua galega na canción, vinculándose á loita contra a ditadura e facendo canción protesta do mesmo xeito que se facía noutros lugares como Cataluña. Miro Casabella é un bo exemplo da canción protesta xurdida en Galicia. Con todo, non todos os intérpretes en galego foron tan belixerantes como Miro e como outros deste grupo como Suso Vaamonde, así pois  temos exemplos para todos os gustos. Seguramente o máis reivindicado hoxe en día é Andrés do Barro. Outros como Amancio Prada ou a recentemente falecida Ana Kiro foron moi populares, aínda que desde o meu punto de vista foron claramente superados por intérpretes actuais como Uxía ou Mercedes Peón.

Emilio Cao, outro do grupo de Voces Ceibes, optaría por reivindicar as ligazóns históricas entre a Galicia e a música dos países celtas. As súa arpa fica así como precursora do grande desenvolvemento que tería a música celta na nosa terra, xénero no que son moi importantes, ademais dos gaiteiros antes referidos, grupos como Milladoiro, Fuxan os Ventos, Luar na Lubre ou Berrogüeto, entre outros. O Festival de Ortigueira, celebrado todos os veráns, é un bo lugar para comprobar como bretóns, irlandeses, escoceses, xentes de Cornualles e galegos compartimos raíces e tradicións musicais. 

A pesar dos atrancos, da barreira cultural que supuxo no estado español a longa dictadura franquista, a Galicia tamén foron chegando aqueles ecos da música moderna. A semente estaba botada e agromou con forza, sobre todo na cidade de Vigo a principios dos oitenta, na coñecida como Movida viguesa. Grupos como Os Resentidos, Golpes Bajos, Siniestro Total, Aerolineas Federales, Semen Up introduciron en Galicia os novos xéneros musicais como o Pop, o Rock ou mesmo o Punk, que xa levaban anos soando con forza noutras latitudes. Porén, só Os resentidos, grupo liderado por Antón Reixa, optou pola lingua galega nas súas canciónss. Habería que agardar outra década, ata os anos 90, para que xurdise o Rock Bravú, liderado desta volta desde a Coruña polos Diplomáticos de Monte-Alto, reivindicando un rock enxebre e en galego. Nesta altura abriuse unha nova xanela na música galega; desde aquela o panorama da música cantada en lingua galega ficou aberto a influencias como o ska, o pop, o heavy ou incluso ao hip-hop. Como sabemos, a internacionalización de estilos, de composicións e de intérpretes hoxe en día é converte a música nun fenómeno global. Así, nesta terra contamos con grupos tan dispares como Lamatumbá, Dios ke te Crew, Projecto Mourente ou Loretta Martin, por citar algúns exemplos de xente ben dispar que compón letras en galego.


No tocante á música clásica, Galicia conta cunha rede de auditorios de gran nivel, aumentada fai pouco tempo coa inauguración do Auditorio do mar de Vigo.  A creación da Orquestra Sinfónica de Galicia, unha das máis destacadas dentro do panorama estatal, compensou a ausencia en Galicia dunha formación importante de música clásica. Tamén a Real Filharmonía de Galicia tamén está a acadar éxitos fóra de Galicia.


Ilustración de Camilo Díaz Baliño
Hoxe en día a cultura musical galega atópase nunha encrucillada. A creación propia é valorada, a música con raíces trunfa e dentro e fóra de Galicia. A xente nova intenta saír a diante, moitos deles atopan centros nos que formarse dentro do propio país e ven en directo a algyunhas das bandas máis destacadas do panorama internacional, que moi de cando en vez veñen a Galicia. A industria musical afronta novos retos, froito do novo escenario marcado polas novas tecnoloxías. Internet favorece á piratería, que dentro do estado español estalle a facer moito dano á industria musical; mais, por outra banda, serve de plataforma para coñecer e darse a coñecer. A música en lingua galega ten novas oportunidades, sobre todo en festivais e actividades de promoción, porén, e ben complicado saír adiante, gravar e vender discos. A nosa música tamén sofre a ameaza da globalización e do fenómeno fan, o de fóra moitas veces é máis valorado, e a música autóctona cústalle facerse cun público. En definitiva, unha situación complexa, na que ameazas e oportunidades conxúganse, na que os circuítos musicais se superpoñen, coxuntura complicada na que a industria trata de sobrevivir á crise, e onde a cultura galega confía en manter acesa a lapa da tradición e abrirse novos vieiros.